DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A revista "Minius" renova o seu formato e lanza ao mercado editorial dous novos números

Un percorrido pola historiografía galega do último cuarto de século

A publicación recolle os resultados dunhas xornadas sobre historia e territorio que se celebraron no

Etiquetas
  • Ourense
Raquel Feijóo DUVI 14/07/2010

No ano 2009 celebráronse na Facultade de Historia as xornadas Historia e territorio: 20 anos de investigación sobre Galicia (1988-2008), co obxectivo de facer unha revisión completa da produción historiográfica e a investigación galega dos últimos vinte anos no que atinxe á historia e ao territorio da nosa comunidade. Pois ben, os 12 relatorios que constituíron aquelas xornadas están agora reunidos nos números 17 e 18 de Minius, a revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía dirixida pola tamén directora do departamento, María López.

O lanzamento destas novas propostas editoriais ao mercado coincide cun cambio de formato da obra, que se presenta agora cun deseño completamente renovado e coa inclusión de novas seccións entre as que cabe subliñar unha dedicada a recoller as teses doutorais defendidas no ámbito das humanidades. Os volumes foron presentados este mércores no transcurso dun acto presidido pola vicerreitora do campus, María Lameiras e ao que asistiron tamén Milagros Cavada, decana da Facultade de Historia, María López, directora da revista e algúns dos integrantes do equipo de traballo da publicación como son os profesores Francisco Javier Pérez, Mercedes Durany e Beatriz Vaquero.

Na súa intervención, María Lameiras valorou moi positivamente a publicación destes novos números da revista porque, segundo explicou, “é unha boa maneira de dar a coñecer o importante traballo de investigación que se desenvolve no noso campus”.

Uns difíciles comezos alá polo ano 1992

A revista Minius iniciou a súa andadura no ano 1992 impulsada por Milagros Cavada, que lembrou aqueles difíciles inicios “nos que tivemos que superar moitas dificultades para lograr o respaldo económico necesario”, e que falou da actual publicación como “unha obra que se presenta cun novo formato de corte internacional que permitirá a súa entrada nos principais centros de investigación europeos”.

As palabras da profesora Cavada atoparon o seu eco na intervención de María López, que xustificaba o proceso de reforma da revista na necesidade do mundo editorial universitario de adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior co obxectivo “de seguir estando nas bases de datos de revistas de Humanidades da FECYT, de mellorar a nosa puntuación dentro das mesmas e de incorporarnos a aquelas nas que aínda non estamos, incluída a gran base de datos europea ERIH –Índice de Referencia Europeo para as Humanidades-“, declarou. A profesora María López falou tamén da filosofía da revista en canto a contidos, subliñando a aposta do consello de redacción da publicación “por unha revista de calidade e excelencia, con vocación de apertura e cosmopolitismo, de carácter interdisciplinar e atenta aos cambios e novidades historiográficas das nosas disciplinas”, sinala.

María López explicou que aínda que inicialmente pensaron publicar as doce ponencias como un monográfico nun único volume, “o número e a densidade dos traballos fixéronnos optar por dividilos e editalos en dous números consecutivos”, dous volumes que cualificou como “unha monografía da historiografía galega do último cuarto de século”.

Contido dos novos números da revista

O número 17 inclúe como punto de arranque un traballo do profesor Juan José Moralejo sobre a etimoloxía dos termos Minius, Minho, Miño, na liña doutros proxectos de investigación que ten sobre a onomástica prerromana dos ríos galegos. Con todo, o eixe central deste número son os relatorios das xornadas da sección correspondente ao territorio que se completan con catro traballos do bloque historiográfico dedicado a temáticas transversais como son a arqueoloxía galaicorromana, as migracións galegas, a historia das mulleres nos séculos XVI-XIX e a relación existente entre Antropoloxía e Historia en Galicia. O volume complétase co resumo da tese doutoral realizada por Óscar Núñez sobre As transformacións e permanencias relixiosas na Gallaecia Antiga (séculos I-IV).

O número 18, pola súa banda, acolle o apartado das xornadas dedicado a facer unha revisión da produción historiográfica galega a través das clásicas etapas históricas: Prehistoria, Historia Antiga, Historia Medieval, Historia Moderna e Historia Contemporánea, tomando como fío condutor o tema da identidade galega.

Afirmou María López que estes volumes poden ser útiles non só para a comunidade científica, “senón tamén para os nosos alumnos e para todas aquelas persoas interesadas na historia de Galicia”, declarou.