DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil do campus presentou este xoves a súa memoria de actividades

Pero canto traballamos este curso!

Os nenos e nenas fixeron un repaso polos fitos máis destacados na programación

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 27/06/2013
Recibiron a visita de bombeiros, policías nacionais e Papá Noel; saíron de excursión ao supermercado e a coller un autobús urbano; celebraron o Entroido, o Samaín e o Nadal, tiveron o seu propio acto de graduación e foron moitas as fichas, os contos e os xogos realizados na aula. A Escola Infantil do campus pechou este xoves o curso académico 2012/2013 presentado a súa memoria de actividades e lembrando cos nenos e nenas e cos pais e nais o traballo realizado no seu primeiro ano en funcionamento.

“A Escola Infantil é un orgullo para este campus. Fixestes un gran traballo, tanto os nenos e nenas como as profesoras. Agora é o momento de aproveitar as vacacións e de divertirse na praia e no río. Que teñades un bo verán e vémonos á volta”, díxolles María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, ao alumnado e ás responsables da gardería universitaria presentes. “Especialmente é de salientar o excelente traballo desenvolvido polas docentes do centro, que teñen demostrado unha enorme profesionalidade”, subliñou Alberto Vaquero, director de Área de Descentralización do campus e pai dunha das nenas da Escola Infantil ourensá.

Os que marchan para o "colexio dos maiores"

O alumnado máis pequeno de idade e de altura do campus de Ourense puido, fotografía a fotofrafía, facer un repaso pola programación levada a cabo ao longo do ano e lembrar todos os bos momentos compartidos xuntos. A todos eles e elas as súas profesoras quixeron darlles as grazas por ter compartido con elas este anaco da súa vida no que aprenderon tantas cousas. Destacando o especial que é cada un destes cativos e cativas, Bibiana González e Susana e Susana Sotelo desexáronlle aos rapaces e rapazas que agora deixan a gardería que a súa entrada no "colexio dos maiores" sexa tan frutífera e feliz como foi o seu paso pola Escola Infantil. “Agora algúns marchades para o "colexio dos maiores", pero dentro de moitos anos, agardamos que volvades aquí para estudar no "colexio dos maiores maiores", na universidade”, dexesou María Lameiras.

O vindeiro curso académico, que comezará en setembro, a Escola Infantil volverá a abrir as súas portas aos nenos e nenas de ata tres anos, fillos e fillas dos membros da comunidade universitaria e de cidadáns de Ourense en xeral. En total, o centro oferta 41 prazas, oito para bebés de ata un ano, 13 para nenos e nenas de un a dous anos e 20 prazas para cativos e cativas de dous a tres anos. Durante o curso e desde o seu edificio situado no corazón do campus, o alumnado da gardería volverá a ser un ano máis os nenos e nenas minados da comunidade universitaria ourensá.