DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de medio cento de traballadores da Universidade concentráronse este venres no campus

O persoal de administración e servizos protesta contra os recortes

Critican o desmantelamento dos servizos públicos e os recortes económicos e de dereitos laborais

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 20/07/2012

Por unha educación pública e digna para todos e todas. Polo respecto aos dereitos laborais dos cidadáns e en contra das medidas de recorte tomadas polo goberno. Estes foron os motivos polo que preto de medio cento de traballadores de administración e servizos da Universidade de Vigo se concentraron este venres no campus de Ourense. Seguindo a liña de protestas doutros campus e doutros colectivos, o PAS da Universidade de Vigo na cidade das burgas quixo deixar explicitamente patente o seu descontento coa actual situación. As protestas continuarán a vindeira semana.

Os traballadores concentráronse ás 11.00 h fronte á Unidade Administrativa do campus portando lemas contra os recortes e en defensa do ensino público. “É a nosa medida de protesta polos recortes. O goberno coma sempre carga contra os traballadores e os seus dereitos e nos rexeitamos a denostación permanente que se está a realizar do traballo dos empregados públicos, como se fósemos os culpables da crise que atravesa este país”, salientou Pepa Rodríguez.

“Esperamos que dende o equipo de goberno da Universidade de Vigo e dentro da autonomía universitaria se faga todo o preciso para que estas medidas repercutan o mínimo posible nos empregados públicos que traballamos nela. Hai que ter en conta que a ratio de PAS por PDI e alumnado da nosa Universidade é a máis baixa do Sistema Universitario Galego e unha das máis baixas do estado español”, destacou José Antonio Gándara. Máis alá das medidas concretas que afectan ao PAS, Gándara fixo fincapé na preocupación que existe entre este colectivo pola privatización e desmantelamento que se está realizando de servizos públicos fundamentais como o ensino e a sanidade.

Na mesma liña, Juan José Salgado salientou a ineficiencia das medidas tomadas, poñendo como exemplo a eliminación dos “moscosos”. “É unha falsidade dicir que quitarnos días de asuntos propios vaia supor algún beneficio económico, xa que eses días que non traballamos non son cubertos por outro persoal. Non se aforra nada porque nada se contrataba ou gastaba. Simplemente se fai un xesto de cara a galería a conta nosa”, apuntou.