DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre os tres campus están chamadas ás urnas 1871 persoas

O persoal docente e investigador elixirá representantes sindicais o 9 de maio

Deberán escoller 55 membros dos Comités de Empresa e da Xunta de PDI

Etiquetas
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 25/04/2023

O persoal docente e investigador da Universidade de Vigo está chamado ás urnas o vindeiro 9 de maio para elixir os seus representantes sindicais para os vindeiros catro anos. En total, entres os campus do Vigo, Pontevedra e Ourense, o censo está composto por 1871 persoas, tanto persoal funcionario como laboral. Nesta cita coas urnas deberán elixir un total de 55 representantes sindicais: 21 deles que conformarán o Comité de Empresa de Pontevedra e 13 do Comité de Empresa de Ourense, que serán os órganos do persoal laboral e 21 para constituír a Xunta de PDI, que corresponde ao persoal funcionario.

A campaña electoral arrancou este luns e alongarase ata o vindeiro a este martes día 23 e prolongarase ata o 7 de maio, establecéndose o día 8 como xornada de reflexión. O horario de votación nas diferentes mesas será de 10.00 h a 19.00 horas e a localización das mesas pode consultarse na web habilitada para este proceso electoral.

En total elíxense 55 representantes sindicais

Para a elección da Xunta de PDI funcionario o censo está formado por 833 electores e electoras, que deberán elixir 21 representantes entre un total de tres candidaturas: CCOO, encabezada por Rafael Durán Barbosa, da Facultade de Fisioterapia; CIG, liderada por Aquilino Santiago Alonso Núñez, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e UGT, con Begoña González de Prado, da Facultade de Química, como número 1.

No caso do PDI laboral, para elixir o Comité de Empresa Pontevedra están chamadas ás urnas 760 persoas, que elixirán entre catro candidaturas: Asociados UVigo, co profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Emmanuel Claude Bourgoin Vergondy á fronte da lista; CCOO, con Vicente Romo Pérez, profesor de Ciencias da Educación e do Deporte, como número 1; CIG, liderada por José Ignacio Iglesias Prado, da Escola de Enxeñería Industrial e UGT, cunha lista encabeza por Ana María Cao Paz, da EE de Telecomunicación.

Finalmente, no caso do Comité de Empresa Ourense, haberá 278 electores e catro candidaturas. A de CCOO está liderada por Alberto José Barreira Arias, da Facultade de Educación e Traballo Social; a da CIG, con Jesús Deibe Fernández Simo, tamén de Educación e Traballo Social, á fronte; UGT, liderada por Hugo López Fernández, da ES de Enxeñaría Informática e Asociados UVigo, con Clara Isabel Fernández Rodicio, de Educación e Traballo Social, como cabeza de lista.

Vitoria da CIG nas anteriores eleccións

Nas anteriores eleccións, celebradas tamén un 9 de maio pero de 2019, a Confederación Intersindical Galega, CIG, foi a forza máis votada e maioritaria entre o persoal docente e investigador na Universidade de Vigo. A candidatura nacionalista acadara un total de 13 representantes: cinco na Xunta de PDI; outros cinco no Comité de Empresa de Pontevedra e tres no Comité de Empresa de Ourense. En total exerceron o dereito ao voto 655 persoas das 1702 que estaban chamadas a participar, FETE –UGT acadou 11 representantes; CCOO dez; Asociados UVigo sete e  a Agrupación General de Profesores Titulares de Universidad, AGPTU, seis.