DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa proposta foi a gañadora da IV edición do Cintecx Annual Challenge

Persoal investigador de Cintecx demostra a viabilidade de producir hidróxeno a partir de residuos da agricultura

Esta semana déronse a coñecer os traballos gañadores da nova edición deste reto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 01/03/2024

Un equipo de investigadoras e investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, liderado pola investigadora Aida Díez Sarabia, acaba de demostrar a viabilidade de producir hidróxeno utilizando residuos agroindustriais biodegradables como peles de froita e vexetais. Así se presentou esta semana na xornada científica Cintecx Annual Challenge, un encontro no que as investigadoras e investigadores do centro amosan os resultados do proxecto gañador da anterior edición do reto, neste caso a de 2023, e se desvela a proposta gañadora da nova edición, que terá agora un ano por diante para levarse a cabo.

Tal e como explicou na xornada a investigadora Aida Díez, o proxecto partiu da necesidade de encontrar fontes de enerxía para suplir a crecente demanda da poboación. Para conseguilo propuxeron a xeración electroquímica de hidróxeno como unha alternativa ás enerxías renovables tradicionais, independente das condicións medioambientais que limitan ás enerxías solar e eólica. A novidade introducida nesta investigación foi, segundo apuntou a investigadora, a utilización de catalizadores biodegradables para a obtención de hidróxeno, o que tradicionalmente require catalizadores metálicos para a súa produción. 

O equipo de Cintecx conseguiu sintetizar novos catalizadores para competir cos convencionais, utilizando simplemente eses residuos da agricultura. Esta conversión acadouse aplicando un tratamento térmico que facilitou a produción de materiais libres de metal para a rotura electroquímica da auga e obter hidróxeno. Os resultados acadados amosaron unha calidade excepcional dos catalizadores sintetizados termicamente. 

Challenge 2024: o reto continúa

O equipo continuará a investigación ao longo deste ano, xa que decidiron repetir candidatura cunha nova proposta, ampliando o equipo con membros doutros grupos pertencentes ao centro. Finalmente, a súa proposta resultou foi valorada positivamente por parte do comité científico do Challenge 2024, xunto con outra proposta, liderada neste caso polos investigadores Raquel Pérez Orozco e Iago Pozo, titulada Estratexias sostibles para a conservación da arte urbana, un traballo que empregará como casos de estudo pinturas localizadas nas áreas de Vigo, incluíndo o propio campus, e A Cañiza. 

15.000 euros para resolver retos de I+D entre distintos grupos 

Esta é xa a quinta edición do Cintecx Annual Challenge, unha convocatoria competitiva que financia con 15 000 euros proxectos de I+D do ámbito das tecnoloxías industriais impulsados de maneira colaborativa polo persoal do centro pertencente a diferentes grupos de investigación.

Con esta iniciativa Cintecx busca promover  a colaboración entre o seu persoal investigador e pór en valor o traballo que se leva a cabo de maneira conxunta entre os diferentes grupos. Durante a inauguración desta edición, a directora do centro, Concepción Paz Penín, fixo un percorrido polos resultados de edicións anteriores e destacou “a importancia de aproveitar a calidade investigadora que hai no centro e de incorporar a persoal investigador júnior para promover a súa carreira investigadora”.
Nesta quinta edición, o comité científico do centro valorou moi positivamente as dúas propostas presentadas, polo que propuxo repartir o financiamento das dúas candidaturas, algo que está pendente da valoración de viabilidade polas investigadoras principais.