DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes presentouse a quinta edición do festival ourensán

A pesar da crise, moito FITO para gozar do mellor teatro internacional

Do 5 ao 20 de outubro os espectáculos de 14 compañías encherán os escenarios da cidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 02/10/2012

Chegou o outono e os escenarios da cidade xa se preparan para recibir a cita teatral desta estación. Trátase do Festival Internacional de Teatro de Ourense FITO, que este ano celebra a súa quinta edición coa satisfacción de conseguir levantar o pano nun momento de crise económica. Do 5 ao 20 de outubro os espectáculos de 14 compañías, tanto galegas como estatais e internacionais, representarán as súas últimas producións no Teatro Principal, no Auditorio e no campus de Ourense para amosar que, en tempos convulsos como os actuais, o teatro segue a ser necesario.

A programación do FITO foi presentada este martes por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Marga Martín, alcaldesa en funcións de Ourense; Juan Carlos Fasero, director de Agadic; Olga Mojón, xerente do Teatro Principal, e Ánxeles Cuña, de Sarabela Teatro e directora do festival. Os representantes das entidades patrocinadoras, como son o campus de Ourense, a Deputación Provincial e Agadic, coincidiron en salientar a súa aposta por apoiar a cultura, particularmente o teatro, na medida das posibilidades que permite a crise. “Desde a Universidade intentamos que a cultura non se vexa resentida ou o faga o menos posible pola situación económica”, destacou María Lameiras durante a presentación.

“Nesta edición resistimos e presentamos un menú degustación máis limitado no económico pero igualmente rico e vibrante no creativo”, explicou Ánxeles Cuña sobre a programación deste ano. A pesar deste contexto, o FITO será, apuntou Marga Martín, “unha magnífica oportunidade gozar da cultura e especialmente do teatro na cidade”. Por este motivo, Juan Carlos Fasero animou ao público a achegarse ás representacións que durante quince días acollerá a cidade de Ourense.

Unha ampla programación

O Festival Internacional de Teatro de Ourense inclúe este ano teatro de rúa, danza, música, teatro contemporáneo e clown. Participarán 14 compañías: cinco emerxentes galegas; tres doutras comunidades autónomas; e cinco doutros países, como son Dinamarca; Ecuador; Francia; Brasil e Italia. Concretamente estarán as compañías Teatro Tascabile de Bérgamo; Julio Adrião; Granhøj Dans; Voadora; Il Maquinario; Malayerba; Goliardos; Demolicións Ferreira & Cía; Ibuprofeno Teatro; Inversa Teatro; Mamafloriana e Kamikaze-Carmen Machi; Teatro los lunes e Patrice Thibaud. Tamén haberá un concerto de músicas da lusofonía que, co título de Estou lá, reunirá a João Afonso (Portugal); Eneida Marta (Guinea Bissau); Najla Shami (Galicia-Palestina); Couple Coffe (Brasil); Xoán Curiel (Galicia); S. Sales; P. Silva, e P. Vidal (Brasil-Galicia).

O campus de Ourense acollerá a representación do día 15 de outubro, na que a compañía galega Demolicións Ferreira & Cía amosará o seu espectáculo Edison, ou as dúas mil demostracións de como non facer unha lámpada eléctrica. Tamén no campus, concretamente no Edificio de Ferro, impartirase unha das actividade complementaria do FITO, o curso O actor no solo narrativo. A formación, a cargo de Julio Adrião, tratará de desenvolver as accións de comunicación da actuación, onde o texto ou trama orixinal, escrito ou non, será adaptado á boca e ao corpo de cada actor, autor ou narrador.