DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Exalumna de Minas bateu o récord de Europa de espeleoloxía feminina

Pilar Orche, primeira espeleóloga española en alcanzar a condición de Deportista de Alto Nivel

Asentada en Andalucía, destaca o amplo abano de posibilidades profesionais dos enxeñeiros de minas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 19/09/2011
Pilar Orche é desde este verán a primeira e, polo de agora, única espeleóloga española en alcanzar a condición de Deportista de Alto Nivel. Primeira muller da Unión Europea en superar a mítica cota -2000 m, fazaña que acadou o pasado verán, a exalumna da ETS de Enxeñaría de Minas e deportista formada no Club Montañeiros Celtas de Vigo, onde tivo os seus primeiros contactos co mundo das cavidades subterráneas e con quen realizou as súas primeiras incursións aos principais macizos kársticos da península ibérica, pasou este verán nunha nova expedición a Krúbera – Voronya, única cova coñecida con máis de dous quilómetros. Os resultados non foron os esperados, “algo habitual, xa que os obxectivos non sempre se acadan, sobre todo se se marcan metas tan ambiciosas”.

Tras coñecer o nomeamento do Consello Superior de Deportes, en pleno mes de xullo, a deportista partiu cara o Caúcaso, na que foi a súa sexta expedición a unha zona que coñeceu no 2003 “e da que me namorei pola peculiaridade das súas xentes e as súas paisaxes, ao tempo que me impresionou o estado ruinoso no que se atopaba tras tantos anos de guerra”, admite. “Ao subir ao cumio dunha montaña, sabes que aí xa está a meta, pola contra, na cova, a menos que teñas unha topografía da mesma, nunca sabes onde estás” subliña a deportista, que explica que a sala que se atopa -2080 metros, profundidade que lle supuxo bater o récord europeo, non se diferenza de outros moitos puntos desa sima e de outras tantas. “O que fai especial ese sitio é saber o que che custou chegar”, subliña, “nese intre non podes menos ca poñerte a saltar e bailar! admite.

Gran expedición en 2013

Na expedición deste verán non se alcanzaron os resultados que se perseguían, que era proseguir coa exploración dun quinto sifón. Sen embargo, “aínda que foi un duro golpe para o equipo” despois de todo o esforzo investido, sen dúbida a expedición vai a supor un punto de inflexión na exploración da sima, xa que como sinala Orche “de todo se aprende”. Para comezar, o ano que ven “deixarémola tranquila”, para que “se confíe”, coa intención de preparar unha gran expedición en 2013, na que, ademais de afrontar novamente o reto de franquear ese quinto sifón, se fixen novos obxectivos, como explorar outras posibilidades de continuación na propia sima, retomar as exploracións noutras covas do macizo... “Para isto teremos en conta os erros cometidos e procuraremos contar cun nutrido grupo de espeleólogos e de especialistas en diversas materias, intentando colleitar o máximo apoio, tanto institucional como económico”.

Sifóns de augas xeadas

De volta xa “na vida habitual”, Orche lembra algúns dos intre máis duros vividos nas súas diferentes expedicións, “e xa van seis”. Entre outros momentos recorda as dificultades de atravesar un sifón a 1440 metros de profundidade. Ao feito de ter que franquear un estreito pasaxe rochoso inundado de auga a 1º de temperatura, uniuse o descubrimento de que só había dúas tallas de traxes secos para mergullarse: “grande e moi grande, e o que me tocou a min, encima tiña un buraco!” resalta lembrando que lle entrou auga e acabou empapada. “En cambio, grazas a que son pequena, puiden pasar con máis folgura ca moitos dos meus compañeiros por un tubo que se atopa a máis de 1600 metros de profundidade que apenas ten 40 cm de diámetro”, subliñou, ao tempo que fixo fincapé na importancia de ir sorteando diferentes dificultades que van xurdindo, desde pozos interminables, nos que hai que suspenderse no baleiro cargados coa equipaxe, ata pasos tan estreitos que apenas cabe unha persoa, sen esquecer os sifóns de augas xeadas, cuxo mergullo é obrigatorio para seguir avanzando.

“Este século a minería falará español”

Filla dunha xeóloga e dun enxeñeiro de Minas, o catedrático da ETSE de Minas, Enrique Orche, Pilar admite que “algo de terra debo levar no sangue”, ao que engade “se tivese que volver tomar hoxe a decisión non o dubidaría, volvería estudar Minas”, unha titulación da que destaca as múltiples posibilidades laborais que ofrece.

Na actualidade vive en Sevilla como funcionaria de carreira no Departamento de Minas da Delegación Provincial da Consejería de Economía, Innovación y Ciencia, xa que, segundo subliña, “hai que concienciarse de que ás veces o futuro está lonxe da casa”, ao que engade que “este século a minería falará español, aínda que non será aquí en España”. Novos materiais, medio ambiente, enerxía... son, ao seu xuízo, algúns dos campos nos que os novos titulados van ter máis futuro “sen esquecerme de que os enxeñeiros de Minas somos os enxeñeiros da Terra e seremos os enxeñeiros doutros planetas”, recalca en relación a que “cando o ser humano estea en disposición de colonizar o espazo, a minaría será unha das primeiras industrias que se implantará”.