DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun congreso internacional que se celebrará en Catoira en colaboración coa Universidade de Vigo

O piragüismo galego busca consolidarse co apoio da ciencia

O período de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de outubro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 27/09/2012

Co obxectivo de proporcionar aos profesionais do piragüismo e aos estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte unhas xornadas coas que pór ao día sobre os últimos avances neste deporte, a Universidade de Vigo, a Real Federación Española de Piragüismo e o Club As Torres de Catoira organizan o IV Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas que se celebrará neste concello pontevedrés entre o 11 e o 13 de outubro. Nesta cuarta edición facilitaráselles aos asistentes unha actualización dos avances técnicos e tácticos empregados nos Xogos Olímpicos de Londres, ademais de achegar un aval investigador “que consolide a Galicia como potencia de algo que xa de por si destacamos a nivel mundial”, sinala o profesor Manuel Isorna, presidente do comité organizador. Considera que as universidades “poden facer moito” pondo os medios científicos “para que o liderado neste deporte non se converta nunha oportunidade perdida”.

Este evento de carácter bianual, que reunirá a elite do piragüismo internacional, centrarase en analizar os resultados acadados polos deportistas desta modalidade en Londres 2012, así como dar conta de cuestións máis técnicas, como o deseño de palas e embarcacións empregadas nas competicións finais. “Os resultados de Londres foron moi bos para este deporte e non só nos centraremos nas medallas conseguidas por David Cal, Saúl Cravioto e Maialen Chourraut en augas bravas, tamén hai que dar o seu recoñecemento ao cuarto posto de Teresa Portela e de Sete Benavides e o sétimo de Francisco Cubelos con 19 anos”, engade o Isorna.

Figuras internacionais

O congreso de Catoira centrarase na modalidade de augas tranquilas, modalidade na que España conseguiu dúas medallas. O público asistente contará coas achegas do adestrador de David Cal, Xesús Morlán; de Miguel García, técnico de Saúl Cravioto “e tamén cos mellores profesionais do mundo”, como Alexander Nicarov, seleccionador do equipo británico con dúas medallas olímpicas; Miklos Simon, responsable do equipo feminino inglés; Carlos Prendes, adestrador do equipo nacional de Bélxica; Istvan Vascuti, un dos profesionais da canoa máis recoñecido internacionalmente “e outros conferenciantes que darán unha visión máis completa da evolución dos Xogos Olímpicos dende a edición de Pekín a Londres”.

Con prazas aínda dispoñibles, o período de inscrición manterase aberto ata o 10 de outubro. Xa confirmaron asistencia máis de 80 congresistas procedentes de distintos países como China, Alemaña, Italia, Sudáfrica, Eslovenia, Portugal, Angola, Suecia e España, na súa maioría adestradores con licenza da RFEP, investigadores e estudantes universitarios, estes últimos un dos públicos obxectivo do encontro. “Animo ao alumnado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte a que asistan a este congreso xa que se trata dunha oportunidade única para poder aprender dos mellores do momento”, engade Isorna. Para máis información pódese visitar a páxina web do congreso ou mandar un correo a info@congresocatoira.es .