DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo e Secretaría Xeral para o Deporte asinan un convenio de colaboración

As pistas de atletismo ourensás acollerán competicións autonómicas

Para acadar a homologación oficial empregaranse as instalacións de Monterrei para lanzamento de xave

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 04/11/2011
A finais de febreiro inaugurábase oficialmente o campo de futbol-rugby e as pistas de atletismo do campus de Ourense. Quedaba entón pendente a sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia para que as instalacións puidesen ser homologadas e acoller así competicións oficiais de atletismo de ámbito autonómico. Este venres o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, asinaron finalmente este convenio, que facilitará á Universidade de Vigo o permiso de ocupación do Complexo Deportivo de Monterrei para a celebración de lanzamentos de xavelina en competicións. Esta ocupación permitirá que as pistas universitarais obteñan a homologación clase 2 da Federación Española de Atletismo.

Concretamente, o convenio asinado entre as dúas institucións recolle que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia facilitará á Universidade de Vigo o permiso de ocupación do Complexo Deportivo de Monterrei para “a celebración das diversas competicións oficiais e actividades promovidas pola Universidade co obxecto de que podan conseguir o certificado homologación da Federación Española de Atletismo”. Pola súa banda, a Universidade de Vigo facilitará á Secretaría Xeral para o Deporte o uso do campo de rugby e pista de atletismo para “a celebración das diversas competicións oficiais que se pretendan levar a cabo”. Estes permisos de ocupación realizaranse sen contraprestación económica entre ambas entidades.

Vontade de colaboración

“Este convenio reflicte dunha maneira clara a vontade da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia de colaborar. É ademais un exemplo da nosa aposta polo deporte como unha maneira de vivir”, explicou Salustiano Mato durante a sinatura da iniciativa. O reitor destacou que nas cidades onde a Universidade de Vigo ten campus a institución que dirixe quere ser un “aliado estratéxico” dos seus cidadáns, compartindo con eles, e neste caso de xeito especial cos seus deportistas, as instalacións universitarias dispoñibles, sobre todo co obxectivo de desenvolver o deporte de base e os hábitos de vida saudables.

Pola súa banda, José Ramón Lete quixo salientar que co establecemento desta colaboración “potenciamos dous deportes, como son o rugby e o atletismo, e poñemos en valor dúas instalacións”, en referencia ás do campus de Ourense e as de Monterrei. O secretario xeral para o Deporte destacou que con esta iniciativa a Universidade de Vigo abre “formalmente” as súas portas aos deportistas e aos clubs de Ourense e amosou a súa satisfacción porque as pistas de atletismo universitarias poidan homologarse como de Clase 2 ao cumprir co requisito de ter unha zona de lanzamento de xavelina a menos de 30 quilómetros, en Monterrei.

Case 20.000 metros cadrados de instalacións

Con este convenio dáse un paso máis na consolidación dunhas instalacións deportivas que, cunha superficie total de 19.867 metros cadrados, dispoñen dun campo de herba artificial para a práctica de rugby e fútbol e de pistas de atletismo de oito rúas, con zona de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega, así como gradas e vestiarios. O seu custe ascendeu a 1,85 millóns de euros, un millón dos cales foi achegado pola Xunta de Galicia e 850.000 euros pola Universidade de Vigo. A esta colaboración hai que engadir a achega do Concello de Ourense, que cedeu unha superficie de case 12.000 metros cadrados para a realización da obra.