DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso universitario de verán analizará en Celanova o presente e futuro deste sector

Poderá o audiovisual galego salvar a crise grazas á creatividade?

Entre os participantes estarán os creadores de producións de éxito como 'Arrugas' e 'Birdboy'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 22/06/2012

Na última edición dos Premios Goya Birdboy acadou o galardón á Mellor Curtametraxe de Animación e Arrugas o de Mellor Película de Animación e Mellor Guión Adaptado. Pola súa banda, Vikingland vén de obter no Play-Doc de Tui o premio ao mellor documental. Son tres producións galegas de éxito das que os seus propios directores darán conta no curso de verán Crise vs. creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego, que se celebrará do 18 ao 20 de xullo en Celanova. En tempos de crise, o audiovisual galego busca reflexionar sobre o seu presente e futuro buscando fórmulas creativas que lle permitan sobrevivir e ter éxito.

O curso, que xa vén sendo tradición na programación de verán da Universidade de Vigo, é unha iniciativa da Vicerreitoría do campus de Ourense e da Fundación Carlos Casares co patrocinio, entre outras institucións, da Deputación Provincial e do Concello de Celanova. “Serán tres xornadas para reflexionar sobre como o audiovisual galego persegue consolidar a súa potencia creadora e a súa identidade á vez que, nun contexto de crise económica como o actual, trata de axustar os seus medios de produción para reafirmarse como cine singular e diferente”, explica Miguel Anxo Fernández, docente da Universidade de Vigo e director da iniciativa.

Once producións a análise

Os obxectivos do presente curso son, por unha banda, darlle aos creadores a oportunidade de presentar e debater co público a súa obra, e, por outra, contribuír á visibilidade do cine. Segundo salientan os seus responsables para esta edición optouse por un programa variado que quere amosar a versatilidade do formato longametraxe (ficción, animación e documental) e curtametraxe (animación), ademais de deixar patente a boa saúde creativa do audiovisual feito en Galicia. Deste xeito, durante os tres días de celebración proxectaranse e analizaranse de mans dos seus directores as producións audiovisuais Tralas luces, Los días blancos. Apuntes sobre a rodaxe de Nostalghia, Arrugas, Cuestión de edad, Boas noites, Vikingland, El sexo de los ángeles, Birdboy, Mercado de futuros, As cousas de Kulechov e Memorias rotas. Ademais, haberá tempo para afondar en cuestións como o a situación do cinema en feminino en Galicia, de man de Anna Amorós, docente da Universidade de Vigo, ou no sector da animación, coa participación do profesor Fortunato Rodríguez.

Como en anteriores edicións, ademais de conferencias e proxeccións tamén se celebrará o obradoiro Celanova: plató de ficción. Nel, alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo e da Escola Superior de Arte Dramática ESAD, baixo a dirección do profesor Paulino Pérez, producirán durante os días de celebración do curso unha curtametraxe de ficción que se proxectará o último día de Crise vs. creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego.