DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentación de 'Translittera', un documental de Rafael Xaneiro

A poesía escapa das marxes tradicionais do papel e das palabras

En 50 minutos, o vídeo recolle de xeito sintético as intervencións de 20 artistas nun laboratorio po

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 02/03/2011

Nun escenario de caos con tal rebumbio de conceptos que é difícil saber onde está cada cousa, a experimentación é case unha obriga. Con esa idea naceu Translittera, un “laboratorio” no que 20 artistas galegos indagaron na barreira borrosa das novas liñas creativas superando ou xogando cos límites habituais que conforman a expresión poética e o seu carácter efémero. Agora, cinco anos despois daquel evento multidisciplinar, chega o documental do mesmo nome a cargo de Rafael Xaneiro, que recolle dun xeito sintético en apenas 52 minutos a esencia das propostas de cada un dos creadores participantes. Un afastamento da palabra para “transgredir as marxes tradicionais da poesía, marcadas polo papel. Este vídeo é o cumio deste laboratorio no que se converteu Translittera, aínda que o impulso que moveu este evento segue vivo e pode ser retomado en calquera intre”, recoñece Xaneiro.

No documental recóllense con imaxes de arquivo cedidas polo Consello da Cultura Galega as cinco sesións en distintas cidades galegas (Santiago, A Coruña, Cecebre, Vigo e Trasalba) nas que se integraron accións poéticas e proxección de poemas visuais de creadores como Antón Lopo ou Yolanda Castaño que conseguen “a través dos seus fíos persoais coser todos os elementos dispares e reconstruír cadanseu senso particular. É o afán de ir máis aló dos límites a través deste laboratorio de investigación no que se entrelazan múltiples métodos, tecnoloxías e discursos creativos. Porque a variedade sempre é máis fecunda”, recorda o autor do documental.

Internet, un portal aberto

Textos críticos, imaxes, audios, vídeos, performances… Unha morea de envoltorios para dar cabida a unha poesía “que existe máis alá da literatura e das artes” e que queda reflectida no documental, editado na mellor época posible. “A pesar de que Translittera foi un evento que se celebrou en 2005, a compilación das súas ideas foise pospoñendo por distintas cuestións. Pero é de agradecer, porque agora a través de internet estará aberto a calquera tipo de público e iso era o mellor que lle podía pasar”, subliña Xaneiro.

O documental de Translittera converteuse nunha bomba no centro da palabra poesía que produce centos de anacos de metralla poética recollidos por unha serie de creadores e resumido en menos dunha hora para achegar ao público a un campo no que a comunicación entre autores e receptores é fundamental.