DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A conferencia foi impartida polo catedrático da Universidade de Vigo Emilio Rolán

O polimorfismo de cor no caracol mariño 'Littorina fabalis', nunha nova sesión do Café con Sal

O ciclo de relatorios regresa o vindeiro 12 de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 14/06/2018

Tras varias sesións no Edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo, o ciclo de conferencias e divulgación científica Café con Sal regresou este xoves á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. O protagonista desta nova cita foi o catedrático de Xenética da Universidade de Vigo Emilio Rolán que afondou nos procesos biolóxicos responsables dun polimorfismo extremo de cor na concha do caracol mariño do intermareal Littorina fabalis. Na súa intervención tratou de explicar por que algunhas especies presentan unha variedade tan extensa de cores mentras outras carecen desa capacidade e analizou tamén os procesos biolóxicos responsables de polimorfismos de cor extremos. Ademais do coñecido efecto da depredación selectiva por certas especies, os estudos realizados por Rolán tamén explican un proceso orixinal do cal non se coñece un exemplo similar na natureza: a tendencia dos individuos a aparearse con aquel que ten unha cor distinta á súa propia. A charla abordou este novo proceso explorando como se produce e como puido evolucionar.

Emilio Rolán traballa actualmente nun proxecto estatal sobre investigación básica titulado Causas e consecuencias da preferencia na elección de parella en poboacións naturais, que co-dirixe co profesor Antonio Carvajal e no que participan diversos investigadores da Universidade de Vigo e doutras universidades estranxeiras.

A próxima conferencia, o 12 de xullo

A edición 2018 do Café con Sal continuará cunha nova conferencia o vindeiro 12 de xullo que será impartida pola profesora de Fisioloxía Animal da Universidade de Vigo Rosa Ceinos. O seu relatorio titularase Circadian clocks across multiple organs in Turbot.