DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As IX Xornadas Sociedade e Dereito comezan coa intervención do alcalde máis novo de Galicia

Política de base para animar aos máis novos a implicarse

Jorge Cubela chama aos universitarios a ser máis activos como cidadáns

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 27/03/2012

Cando Jorge Cubela comezou a súa intervención nas IX Xornadas Sociedade e Dereito explicando que é alcalde de Cotobade e que ten 23 anos, un murmuro expandiuse entre o alumnado asistente. O seu caso non é o habitual entre unha sociedade cada vez máis desencantada coa política, sobre todo a xuventude. Por este motivo a súa intervención foi a elixida para dar comezo este martes no campus de Ourense a unhas xornadas nas que se pretende afondar e revisar as fórmulas de participación da cidadanía nos asuntos públicos.

As IX Xornadas Sociedade e Dereito Dereito de sufraxio, réxime electoral e partidos políticos: da Constitución de Cádiz aos nosos días foron inauguradas por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, e José Agustín González-Ares, director da iniciativa. Segundo salientou González-Ares, o obxectivo desta iniciativa é afondar na participación activa dos cidadáns nos asuntos públicos a través de 28 conferencias e mesas redondas que se celebrarán, alén de nesta primeira xornada, os días 30 de marzo e o 10, 11, 12 e 13 de abril, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, do Consello Social da Universidade de Vigo, do Colexio de Avogados de Ourense e da Editorial Tirant lo Blanch.

Responsabilidade de todos

“O que acontece na sociedade é responsabilidade de todos. Sodes novos pero tedes que implicarvos e participar activamente, tedes que tomar conciencia crítica do que está a pasar para poder transformar a realidade”, díxolles María Lameiras aos universitarios inscritos nas xornadas. Unha idea compartida polo alcalde de Ourense, que fixo fincapé en que “hai que democratizar a democracia” e no feito de que estas conferencias son una excelente ocasión para reflexionar e debater sobre temas tan importantes como o sufraxio e o réxime electoral. Unha temática “de interese para especialistas pero tamén para público xeral” porque, como apuntou Miguel Ángel Michinel, nas eleccións, como as recentemente celebradas en Andalucía e Asturias, sempre xorden debates relacionados co sistema electoral.

Sen estigmas de idade

Para comezar as conferencias, o alcalde popular do Concello de Cotobade, Jorge Cubela, foi o encargado de explicar a súa visión persoal e profesional sobre a participación política, algo que fixo con especial satisfacción por ser o público maioritariamente estudantes de Dereito, titulación que el mesmo está a piques de rematar. “A política non é algo atractivo a priori porque ao ver calquera medio de comunicación vemos como está denigrada a súa práctica”, comezou recoñecemento o alcalde máis novo de Galicia.

Contra esta visión xeral, Cubela amosou a súa aposta pola política de base social e quixo transmitir aos asistentes a ilusión de facer algo, sexa na política ou no asociacionismo, e de formar parte desa base que permita saír da actual situación socioeconómica. “Ser novo non é un estigma para poder achegar cousas á sociedade”, destacou. Por este motivo animou aos estudantes a “espertar” e pelexar por un sistema máis transparente, claro e controlado pola cidadanía.