DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da celebración do Día Mundial da Actividade Física

Poñamos en marcha a nosa saúde practicando exercicio e procurando unha sanidade máis activa! Por Juan José Crespo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 10/04/2012
En 1992 a Asocicación Americana do Corazón (AHA) e a Organización Mundial da Saúde (OMS) declararon o sedentarismo (inactividade física) como factor de risco cardiovascular, xa que incrementa o número de “ataques” cardíacos na poboación. A partir desa declaración, en 1995, apareceron as primeiras recomendacións de actividade física (AF) para a Saúde Pública dos Centros de Control de Enfermidades (USA) e a Declaración de Quebec (Canadá). Afirmábase que a AF realizada durante un mínimo de 30 minutos ao día todos ou case que todos os días da semana non só mellora os músculos, ósos e articulacións, o sistema cardiocirculatorio e o benestar, senón que tamén evita a aparición de algunhas enfermidades crónicas. Dende ese ano, máis traballos científicos teñen corroborado estes efectos positivos da AF sobre o benestar, o rendemento laboral, a obesidade, a hipertensión, a diabete tipo 2, enfermidades cardiovasculares (como o infarto) e sobre algúns cancros (colon, sobre todo). O sedentarismo converteuse na actualidade no cuarto factor de risco de mortalidade máis importante no mundo (OMS, 2010). Os custes económicos asociados a inactividade física sitúanse, en algúns países, no entorno de 1500 dólares/ano en coidados médicos por persoa sedentaria, e uns 29 millóns de dólares no ano 2005 no estado de California (California Department of Healt Services, 2005).

A práctica regular de AF aeróbica (como camiñar a bo ritmo) “é a terapia de menor custe para a promoción da saúde e a prevención de enfermidades” (Woolhandler S –N Engl J Med 2003-). Sen embargo, máis do 50% dos adultos e dos mozos e mozas españois non realizan suficiente AF e estamos “á cola” en Europa. Unha boa política sanitaria pasa porque os profesionais sanitarios detecten o sedentarismo nas consultas, tanto de atención primaria como especializada, promocionen máis a AF e aprendan a prescribir exercicio segundo o estado de saúde e a capacidade funcional de cada paciente. Ademais, hai que evitar as duplicidades entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o SERGAS, na promoción da AF ("Galicia Saudable").

Licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con itinerario formativo en saúde, teñen que colaborar cos centros de saúde e viceversa. A Unidade Médica e de Adestramento Personalizado da Área de Deporte e Saúde (Servizo de Deportes) da nosa Universidade –nos tres campus- somos un exemplo desa colaboración (só teñen que copiala). Realizamos programas de exercicio tutelados a persoas sas e supervisamos a persoas con factores de risco cardiovascular ou con enfermidades crónicas (como a diabete ou a hipertensión), seguindo protocolos aprobados polas Sociedades Científicas máis importante neste ámbito (ACSM –Colexio Americano de Medicina Deportiva-, SEC –Sociedade Europea de Cardioloxía-, OMS, AHA, FEMEDE –Federación Española de Medicina do Deporte-).Que o día 6 de abril, Día Mundial da Actividade Física, non volva a pasar desapercibido. Non sigamos cometendo o erro de “chegar tarde” con esta medida preventiva tan eficaz e tan barata. Poñamos en marcha a nosa saúde!