DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento busca dar visibilidade aos emprendedores e emprendedoras e terá lugar o 29 e 30 de setembro

Pont-Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas para a súa décima edición

Aberto a proxectos empresariais con menos de tres e anos e medio de traxectoria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 08/06/2023

Este venres 9 de xuño ábrese o prazo de presentación de candidaturas para participar na décima edición do Pont-Up Store, “o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular”, como sinalan desde a organización, que se desenvolverá os días 29 e 30 de setembro en Pontevedra. Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado polo grupo de investigación G4P Plus Desenvolvemento Estratéxico: organizacións e territorios e a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, este evento achega aos novos emprendedores e emprendedoras a posibilidade de dar a coñecer os seus produtos e servizos. Nesta décima edición disporán de dúas modalidades para facelo, a través do 35 stands gratuítos que se instalarán no recinto da Praza de España e do evento Pont-Up Exprés, no que dez novos emprendedores e emprendedoras presentarán os seus proxectos a representantes do tecido empresarial galego.

Aberto a proxectos de emprendemento “innovador e creativo”, que leven en funcionamento menos de tres anos e medio (42 meses) ou que se atopen nunha “fase moi avanzada de desenvolvemento”, o prazo de presentación de candidaturas para estas dúas modalidades de participación permanecerá aberto desde este venres ata o 9 de xullo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, a innovación e creatividade do proxecto, o seu valor social, a súa sustentabilidade, o seu potencial económico ou social e a capacidade de desenvolvemento futuro.

Nesta décima edición, o Pont-Up Exprés contará cun xurado integrado por Luis López-Boado, director xeral de Pereira Productos del Mar; Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite Rodríguez, responsable de deseño de Finsa, e Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop.

Unha programación especial para o décimo aniversario

No seu décimo aniversario, o Pont-Up Store contará cunha programación especial, baixo o lema de Xeración emprendedora, que englobará un “intenso programa de actividades en diversos puntos da cidade, con destacadas presenzas do ámbito emprendedor galego e español”, sinalan desde a organización.

Nela contarán cun apartado destacado os videoxogos, grazas á colaboración de Gaming Troop e á organización do Encontro Indie Galicia – Galicia Indie Summit, promovido pola profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación Beatriz Legerén. Trátase dun evento dirixido a dar visibilidade á industria do videoxogo galega, que porá o foco nas producións independentes. 

Haberá tamén unha sección sobre emprendemento musical, na que participarán diferentes referentes do sector, así como a Aula Permanente de Música Tradicional do Campus de Pontevedra. O seu director, Suso Vaamonde, e os tamén músicos Abrahán Sande e Gonzalo Maceira crearán neste encontro unha peza musical que será a nova banda sonora do Pont-Up Store. Por outra banda, da man da empresa Alpematic Experiencias Olfativas recuperarase e actualizarase a fragrancia creada en 2019 para este evento e o alumnado do CIFP-Carlos Oroza desenvolverá “un sabor que identifique o Pont-Up Store”.

A igualdade, a internacionalización, o desenvolvemento de competencias, a economía social, o gaming e a economía social estarán tamén presentes de forma transversal nas actividades deste décimo aniversario. Nese obxectivo insírense actividades como unha máster class de comunicación para proxectos emprendedores, do director e presentador do programa Emprende de RTVE, Juanma Romero, a presentación dos avances do proxecto europeo HEI4Future, que coordina o investigador da UVigo Pablo Cabanelas, ou un hackatón orientado á saúde e á nutrición.  

Dez anos apoiando o talento emprendedor

Xurdido en 2014 no marco da Conferencia Ibérica para o Emprendemento (CIEM), o Pont-Up Store conta co apoio de máis de 50 entidades públicas e privadas e logrou co paso do tempo converterse “no punto de referencia do novo emprendemento no noso territorio”, como sinalan desde a organización. Ao longo destes anos, o evento contou coa participación de 341 empresas, seleccionadas de entre 1073, solicitudes, promoveu a organización de 279 actividades e foi visitado por máis de 150.000 persoas.