DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 30 actividades integran o programa da súa décima edición, inaugurada este venres

Pont-Up Store celebra dez anos de percorrido que fixeron de Pontevedra a “capital do emprendemento”

Preto de 40 novas empresas dan a coñecer os seus produtos e servizos na praza de España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/09/2023

Máis de 1300 candidaturas recibidas, 380 empresas participantes, máis de 170.000 visitantes, a organización de máis de 300 actividades complementarias, nas que participaron preto de 600 expertos e expertas. Con estas cifras como balance dunha década de traxectoria, Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo no marco do Campus Crea, celebraba na mañá deste venres a inauguración da edición do seu décimo aniversario. “Foi un longo percorrido, dez anos innovando, apoiando o emprendemento e espallando a cultura emprendedora na sociedade, que converteron este evento no referente dos novos proxectos emprendedores en Galicia e Pontevedra na capital do emprendemento galego”, salientou Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, no acto inaugural desta décima edición. Ao longo deste venres e sábado, preto de 40 novas empresas de diferentes puntos de Galicia dan a coñecer os seus produtos e servizos no recinto instalado na praza de España, á vez que se desenvolven, en diferentes puntos da cidade, preto dunha trintena de actividades complementarias. 

Co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, o apoio da Deputación de Pontevedra e de preto de 50 entidades públicas e privadas, o décima edición do Pont-Up Store foi inaugurada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o vicepresidente segundo da Deputación, Rafael Domínguez; o secretario xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, e a vogal do Estado no Consorcio Zona Franca, Ana Mejías. Todos eles puxeron o foco na importancia que tivo a implicación de diferentes institucións no impulso dun evento que “edición tras edición converte Pontevedra na capital do emprendemento”, como salientou a vicerreitora. Lantarón destacou que Pont-Up Store “reflicte a vitalidade, a creatividade e o espírito emprendedor que caracteriza a nosa Universidade”, nun acto no que participou tamén a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini. 

Preto de 90 empresas

Ao longo destas dúas xornadas, 32 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria, seleccionadas de entre 127 candidaturas e lideradas no 75% dos casos por mulleres, presentan os seus produtos nos diferentes postos do recinto do evento, onde pódense coñecer tamén outra vintena de iniciativas empresariais nos diferentes institucionais. Por outra banda, oito oito empresas presentan esta tarde as súas ideas de negocio a diferentes directivos no Pont-Up Exprés. Ademais,esta décima edición buscou tamén, como explicou Figueroa, “pór en valor a transferencia e a experiencia empresarial”, cunha trintena de actividades complementarias nas que participan outros 50 emprendedores e emprendedoras.

Décimo aniversario

Entre as iniciativas que integran o programa desta edición figuran propostas como a exposición que percorre os dez anos do evento, na sede da Vicerreitoría do campus. Na celebración deste décimo aniversario insírese tamén unha gala musical este sábado, na que participan diferentes grupos e na que se estreará “a banda sonora do Pont-Up Store”, unha peza composta por Suso Vaamonde, director da Aula Permanente de Música Tradicional do campus, e Abraham Sande, que será interpretada “na versión tradicional” por integrantes desta aula e “con instrumentación electrónica” por Estudo Bonobo. 

A música será así mesmo protagonista da mesa redonda sobre a industria musical que promove esta tarde a Facultade de Comunicación, na que presentará o seu curso de especialista neste ámbito. Por outra banda, este venres tivo lugar tamén o encontro final dun hackatón centrado no desenvolvemento de prototipos para desafíos empresariais relacionados con saúde, deporte, medicina e tecnoloxía, promovido polo proxecto europeo HEI4Future, que coordina a Universidade de Vigo. Así mesmo, o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab promove este sábado un coloquio sobre emprendemento colectivo na Casa das Campás.