DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro do emprendemento promovido pola UVigo desenvolverase o 29 e 30 de setembro

Pont-Up Store celebrará o seu décimo aniversario reunindo máis de 90 iniciativas empresariais

Preto dunha trintena de actividades integran o programa desta edición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/09/2023

Nacido no ano 2014, no marco da Conferencia Ibérica de Emprendemento, o Pont-Up Store celebrará os días 29 e 30 de setembro o seu décimo aniversario, convertido xa no “punto de referencia do novo emprendemento” en Galicia, como se puxo de relevo este mércores na presentación do programa da súa décima edición. Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio da Deputación Provincial, xunto a preto de 50 institucións públicas e privadas, unha trintena de actividades integran o programa deste encontro do emprendemento, que contará coa participación de máis de 90 iniciativas empresariais. Preto de 40 farano tras seren seleccionadas para os stands do recinto que se instalará na praza de España e para o encontro Pont-Up Exprés. A estas súmanse á súa vez medio cento de emprendedores e emprenderas que tomarán parte nas diferentes mesas e presentacións promovidas polas entidades colaboradoras.

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez, e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, presentaron este xoves a programación dun evento que suma ás actividades que terán lugar na carpa da praza de España outra serie de propostas en diferentes puntos da cidade. “Edición tras edición, o Pont-Up Store acada un dobre obxectivo, o de axudar a emprendedores con ilusión e convencemento e o de achegar á sociedade os seus servizos”, salientou Lantarón respecto dun evento que dá visibilidade a proxectos empresariais con menos de tres anos de medio de traxectoria. “Pontevedra é o escaparate perfecto para amosar todo o potencial de emprendemento que hai en Galicia”, engadiu Gulías, que puxo en valor tanto a aposta do Pont-Up Store por “visualizar” estes proxectos “no espazo público”, como de dotarse dunha programación centrada no “emprendemento económico, cultural e social”. Nesa mesma liña, Domínguez salientou a “resonancia social” que, grazas á colaboración entre diferentes institucións, acada un evento polo que pasan cada ano “preto de 20.000 persoas”, apuntou Figueroa.

“Aposta polos emprendedores”

Responsable da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e profesor da Universidade de Vigo ata a súa recente xubilación, Figueroa explicou que, baixo o lema de, Xeración emprendedora, esta décima edición vén marcada pola “aposta de que estiveran aquí concentrados o maior número de emprendementos, preto de 90”. Entre eles, as 40 iniciativas seleccionadas de entre máis dun centenar de candidaturas e lideradas nun 75% por mulleres, que contarán cun espazo gratuíto na carpa ou que participarán no Puntazo Exprés. Programado para a tarde do venres, trátase dun encontro no que oito emprendedores e emprendedoras darán a coñecer os seus proxectos a representantes do tecido empresarial galego.

Por outra banda, diferentes actividades permitirán abordar o emprendemento “desde distintas ópticas, como pode ser a igualdade, a sostibilidade ou a economía social”, explicou Figueroa, en debates nos que participarán emprendedores e emprendedoras. Ese é o caso da mesa sobre a incorporación da perspectiva de xénero á xestión empresarial que a Xunta de Galicia promove o venres na Casa das Campás ou a mesa Hai futuro na industria musical?, organizada pola Facultade de Comunicación, que presentará neste encontro o seu novo Curso de Especialista en Industria Musical. Nesa mesma liña, o sábado terá lugar unha mesa sobre emprendemento en economía social e innovación, promovida tamén pola Xunta, mentres que preto dunha trintena “de emprendedores de toda Europa” participarán nun encontro no IES Valle Inclán, enmarcada no programa europeo Erasmus+. 

Exposición e concerto

Como lembrou Lantarón, a programación deste décimo Pont-Up Store arrancou xa o pasado venres, cun hackatón enmarcado na WordCamp Pontevedra que tivo lugar na Facultade de Comunicación e na que as e os participantes colaboraron con tres organizacións sen ánimo de lucro creando os seus espazos web. Tamén con carácter previo á propia inauguración, a próxima semana instalarase na rúa, entre a sede da Vicerreitoría e a praza de España, a exposición 10 anos apoiando o emprendemento, que propón un percorrido pola historia do evento a través da súa imaxe gráfica e as innovacións que foron incorporando.

Por outra banda, o sábado ás 19.00 horas terá lugar o concerto do décimo aniversario, no que Estudo Bonobo interpretará a peza musical do Pont-Up Store, composta por Suso Vaamonde, responsable da Aula Permanente de Música Tradicional do campus, coa colaboración de Abrahán Sande. 

Un ‘hackatón’ que conectará saúde, deporte, medicina e tecnoloxía

Como salientou Lantarón, varias das actividades propostas contan tamén coa colaboración de investigadores e investigadoras da UVigo. Ese é o caso do hackatón que a partir do mércores porá en marcha no Teatro Principal o proxecto europeo HEI4Future, que coordina o profesor da Facultade de Comercio e membro de Ecobas Pablo Cabanelas. As e os participantes nesta actividade con inscrición previa traballarán durante tres días “no desenvolvemento de prototipos para desafíos empresariais relacionados co deporte, a saúde, a medicina e a tecnoloxía”, apuntou a vicerreitora. Os resultados presentaranse o venres nunha mesa redonda na que tamén se dará a coñecer o traballo desenvolvido nun proxecto dirixido a buscar os mellores xeitos de traspasar á sociedade a I+D+i que se fai nas universidades.

Por outra banda, o investigador do Post-Growth Innovation Lab Alejandro Fortuny protagonizará o sábado un coloquio sobre “emprender colectivamente” e nesta xornada terá lugar tamén, como apuntou Figueroa, un relatorio sobre como “facer visible os novos emprendementos” do director e presentador do programa Emprende de RTVE, Juanma Romero. Nesta xornada celebraranse así mesmo un taller lúdico sobre o cambio climático, un “bingo solidario” dirixido a recadar fondos para a protectora Os Palleiros e un evento no que o CIFP Carlos Oroza buscará vincular determinados sabores ao Pont-Up Store.