DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro de emprendemento celebrarase do 17 ao 19 de setembro en Pontevedra

O Pont-Up Store desenvolverase cun “formato híbrido” con actividades presenciais e virtuais

Na súa sétima edición, incorpora un espazo de internacionalización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 11/06/2020

A COVID-19 non impedirá que, o vindeiro mes de setembro, o Pont-Up Store, o encontro de emprendemento promovido pola Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, celebre a súa sétima edición. Farao, como sinalou o presidente do seu comité organizador, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, cun “formato híbrido”, no que se combinarán as actividades presenciais e virtuais. Por unha banda, seguindo os protocolos de seguridade vixentes nese momento, está previsto que entre o 17 e 19 de setembro se instale de novo na praza de España de Pontevedra a carpa na que 35 novas empresas disporán dun stand no que amosar o seus produtos e servizos dentro do que a organización define como “o encontro de emprendemento máis importante de Galicia”. A esta iniciativa sumarase un programa paralelo de actividades, que como explicou Figueroa, incoropora neste 2020 un "espazo de internacionalización”, dirixido a achegar aos novos emprendedores e emprendedoras ferramentas para saír ao mercado exterior. 

Co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, o Pont-Up Store lévase a cabo grazas á colaboración de 40 entidades públicas e privadas, como apuntou Figueroa na presentación celebrada este xoves, na que explicou que neste 2020 optarase nun principio por ese formato híbrido, aínda que o evento conta con “capacidade de adaptación” no caso de que as circunstancias sanitarias obriguen a levalo a cabo de xeito totalmente virtual, convertindo a súa web nunha "plataforma para soportar a dixitalización", así como nun repositorio de contidos de interese. “O valor da incerteza é propio dos emprendedores”, salientou o responsable do grupo de investigación G4+ nunha rolda de prensa na que a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, puxo o acento en que, neste contexto, “o emprendemento vai necesitar máis que nunca de axudas”. Nese mesmo aspecto incidiu o representante da Deputación de Pontevedra Gregorio Luís Agís, que salientou que o “apoio ás empresas emerxentes”, obxectivo central deste evento, fai que “este tipo de iniciativas se xustifiquen aínda máis nestas circunstancias”.

Aberto o prazo de presentación de candidaturas

Como en adicións anteriores, os emprendedores e emprendedoras dispoñen de tres modalidades de participación no evento, que desde este mércores mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas. Poden optar a un dos 35 stands gratuítos que se porán á súa disposición na praza de España, así como propor o desenvolvemento de “actividades demostrativas” no recinto. A estas dúas opcións súmase o Puntazo Exprés, no que dez emprendedores e emprendedoras serán seleccionados para explicar en cinco minutos o seu proxecto a representantes de diferentes empresas e entidades. Nesta edición, farano ante Margarita Hermo, director da Asociación Galega de Empresa Familiar; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa; Ángel González, presidente executivo de Setga, e Virginia Pazo, directora da firma de moda Coosy. O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o 10 de xullo e o 21 dese mes farase pública a lista de seleccionados e seleccionadas.

Novo espazo de internacionalización

Dentro da programación, a novidade desta sétima edición, explicou Figueroa, será a da posta en marcha dun “espazo de internacionalización”, que agrupa tres obradoiros en liña, organizados pola entidade Ticket2Europe e dirixidos a axudar ás persoas emprendedoras a saír ao mercado exterior e construír unha rede de alianzas internacionais. A este respecto, o director do Pont-Up Store recoñeceu que a crise da COVID-19 impediu levar a cabo outras actividades, como reunir en Pontevedra a “40 emprendedores de distintos países da Unión Europea”. 

Emprendemento social, igualdade e videoxogos

Baixo o lema Unha etapa no camiño de emprender, a sétima edición do Pont-Up Store volverá articular o seu programa en torno a unha serie de “espazos”, como o dedicado ao “emprendemento con visión social”, dentro do que se presentará o proxecto de intervención social para a prevención de lumes forestais Batefogo, á vez que terá lugar un encontro coordinado por Espazo Arroelo sobre como crear riqueza social e colectiva. Ademais, o evento contará de novo cun Espazo de Igualdade, que agrupará unha serie de actividades que teñen como obxectivo dar visibilidade á muller no eido do emprendemento. 

Tamén terá un oco no programa, un ano máis, a industria do videoxogo, con espazos de exposición no que conversar con profesionais do sector, obradoiros, coloquios e competicións de e-sports, actividades que se agrupan no Espazo Gaming. Por outra banda, o Laboratorio Creativo Fab Lab acollerá unha serie de talleres para familia sobre o uso das tecnoloxías nas xeracións nativas dixitais. O programa completarase co Espazo de Economía Social e Creativa e co Espazo de Desenvolvemento de Competencias para o Ecosistema Emprendedor, no que se inclúen as iniciativas promovidas por AEMPE, AJE, Cámara de Comercio e unha actividade sobre o papel dos influencers coordinada por Ana Carpinteiro, responsable de Somos Océano. Así mesmo, o Espazo Tecendo Redes agrupará unha serie de actividades de networking e contará coa participación de emprendedores e emprendedoras que participaron nas anteriores edicións do Pont-Up Store.