DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vicerreitora do campus e o de Transferencia do Coñecemento visitaron as oficinas

Pontevedra únese ao proxecto Incuvi con dous nichos para emprendedores universitarios

Ao abeiro dun acordo coa Asociación de Jóvenes Empresarios que cede os espazos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/11/2012

Con dous nichos na Asociación de Jóvenes Empresarios, o campus de Pontevedra únese ao proxecto Incuvi-Emprende que trata de promover a vocación de negocios entre os estudantado para poñer en valor as mellores ideas nadas no seo da Universidade. Os dous espazos que se ofrecen na cidade únense ao seis xa existentes no campus de Vigo e serán ocupados polos gañadores dos Premios Incuvi que galardoarán aos mellores proxectos emprendedores. A vicerreitora do campus, Antonia Blanco e o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, xunto co presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o director da Área de Emprego, Ignacio Armesto, visitaron este venres as instalacións de AJE para coñecer a contorna na que se instalarán estes futuros empresarios, as oficinas e os seus futuros compañeiros da andaina no espazo de emprendemento que existe na sede de AJE. Xunto con eles, Rosa Eguizábal, do Consorcio Zona Franca de Vigo, e José Ramón Carril, presidente de Siga98, as dúas entidades patrocinadoras dos dous nichos, puideron coñecer o traballo de fomento do emprendedurismo que desenvolve esta asociación da man do seu presidente, José Manuel Valenzuela.

Emprendemento e autoemprego

Estas dúas oficinas, situadas no centro da cidade, son segundo a vicerreitora do campus, “un primeiro achegamento ao mundo dos emprendedores, pero servirán tamén para abrir novas vías de colaboración con AJE, xa centradas nas titulacións específicas do campus pontevedrés”. Con este primeiro convenio, asinado coa Fundación Universidade de Vigo, os gañadores dos Premios Incuvi poderán ter a oportunidade de comezar a desenvolver o seu negocio na cidade do Lérez, ampliando así a rede da incubadora da Universidade e axudando a converter en negocio o froito do traballo de I+D+i desenvolvido polos alumnos e alumnas da institución e intensificando a colaboración co tecido empresarial. Para Valenzuela este apoio aos titulados universitarios é importante para “canalizar o empredemento para o cal lles ofrecemos as condicións máis adecuadas para que elaboren os plans financeiros e de negocio, para facilitarlles os trámites e axilizar a súa posta en marcha como empresa”.

Na primeira edición destes premios, como explica o vicerreitor de Transferencia de Coñecemento, José Antonio Vilán, presentáronse 22 proxectos para seis oficinas, cifra que neste ano se eleva a oito coas dúas en Pontevedra. Nestes espazos, os emprendedores poderán tamén beneficiarse das actividades formativas e divulgativas que AJE ofrece para os novos empresarios, así como das sinerxías que xorden, como apunta o seu presidente, “entre os proxectos aos que xa damos acubillo e que en moitas ocasións se alían entre eles para buscar unha mellor saída ao mercado”.
Nestes nichos e durante un período dun ano, os estudantes desenvolverán o seu plan de negocio, de viabilidade financeira, estudos de mercado e todos os trámites necesarios para converter a súa idea nun negocio e “nunha oportunidade de autoemprego, de especial utilidade en tempos de crise como actual”, segundo Vilán.

Patrocinadores dos espazos

A cesión destes dous espazos conta co patrocinio do Consorcio Zona Franca, co que a Universidade ten en marcha proxectos que abundan neste eido como o Centro de Excelencia, e a empresa Siga98, que ofrece os seus servizos a todos os xestores administrativos de España a través dos colexios oficiais e o Consello Xeral. Desenvolven ferramentas, bases de datos e sistemas informáticos para a xestión empresarial na procura dunha xestión dixital que elimine o papel e actúan como intermediarios entre as administración e a sociedade, uns servizos que tamén porán a disposición dos emprendedores da Universidade. O seu presidente explicou que tamén lles prestarán asesoramento xurídico aos emprendedores e adiantou que esta labor divulgativa se plasmará nunha colaboración estable coas escolas e facultades para poñer a disposición do estudantado os seus programas e a súa experiencia para que os futuros profesionais teñan coñecementos tamén no eido laboral e da xestión.