DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Billie the vision and the dancers encheron o Vidal Bolaño

Pop sueco e sons do verán para abrir a programación cultural do outono

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 21/10/2010
Luz e cor, positivismo e alegría acompañaron á banda sueca Billie the vision and the dancers no concerto que abriu a programación cultural da Universidade para o primeiro cuadrimestre. Co seu tema Summercat como bandeira tras o éxito acadado como banda sonora do anuncio de Estrella Damm, o grupo nórdico conseguiu meterse ao público no peto cunha das cancións do verán con máis éxito dos últimos anos. De feito Summercat foi unha das dez cancións máis compradas en itunes no 2009, por diante de superventas como Beyoncé ou de The Killers.

En Vigo, único concerto en España xunto con outro en Madrid no Círculo de Belas Artes, puxeron en escena un espectáculo vital, cheo de optimismo, festa e calor con oito músicos sobre o escenario. Nun guiño á nova do día, coa concesión ao Campus do Mar da categoría de Campus de Excelencia Internacional na categoría de Rexional, os membros do grupo luciron no escenario unha das camisetas do proxecto coas que os obsequiou a Universidade.

O grupo, fundado en 2004 por Lars Lindquist, decidiu comercializar a súa música ao marxe das canles tradicionais da industria musical e difundir a través de internet as súas cancións. Para iso crearon o seu propio selo, Love Will Pay the Bills Records, e ofrecen gratuitamente os seus temas na rede, aceptado as doazón puntuais dos internautas. Deste xeito e tras millóns de descargas acadaron o éxito que os levou a publicar o que é xa os seu quinto disco From Burning Hell to Smile and Laughter, publicado neste 2010 e do que deron conta neste primeiro concerto da banda en Galicia.