DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro estudantes galegos conviven cunha moza británica na Casa Inglesa

De portas para dentro, sempre en inglés

Esta iniciativa ofrece aloxamento a un prezo accesible e a posibilidade de aprender un idioma sen sa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 05/02/2014

Un cambio de idioma ao atravesar a porta. Iso é o que supón para catro estudantes da Universidade a súa estadía na Casa Inglesa, unha iniciativa da Vicerreitoría do campus de Pontevedra que pretende favorecer a inmersión lingüística do alumnado a través da súa convivencia cunha persoa nativa dun país anglosaxón. Os catro inquinos universitarios deste curso, Alba Fandiño, Iria Rodríguez, Bea Mazaira e Adrián Pérez, comparten piso coa británica Katherine Budimir, o que lles permite ter unha 'profesora de inglés' que está con eles 24 horas na súa casa da rúa Loureiro Crespo.

Alugueiro a un prezo accesible e a posibilidade de aprender un idioma sen saír da casa é o que se ofrece ao alumnado con este proxecto posto en marcha en setembro de 2012 e “que está a callar como unha opción dentro do campus”, destaca a vicerreitora Antonia Blanco. Como “altamente positiva” avalía a responsable do campus de Pontevedra os primeiros meses de funcionamento desta Casa Inglesa, dada a demanda que está a xerar este proxecto, no que se ofrece un aluguer de menos de 200 euros que inclúe gastos de luz, auga, comunidade, teléfono e internet. Mais o verdadeiro motor que leva ao estudantado a solicitar unha praza nesta Casa Inglesa é precisamente a posibilidade de aprender un idioma, “dunha forma natural, na súa vida cotiá”, salienta Blanco. “O alumnado que se presenta ten moi claro que o inglés é imprescindible para a súa formación”, engade a vicerreitoria, que destaca que varias das inquilinas estanse a preparar para realizar os exames de Cambridge para obter o certificado de nivel B1.

Aprendendo en confianza

O obxectivo é o que o inglés sexa o único idioma que se fale no interior desta vivenda e para logralo, contáctase en cada convocatoria cunha persoa nativa, como Budimir, que é lectora de inglés nun colexio de Catoira. Esta rapaza, natural da cidade de Leeds, chegou a Pontevedra en setembro sen ningún coñecemento do castelán, polo que as súas novas compañeiras de piso non lles quedou outra opción que recorrer ao inglés para comunicarse con ela. Deste xeito, a Casa Inglesa converteuse nun lugar no que aprender este idioma dun xeito practicamente involuntario, a través das conversas do día a día. “É moi diferente a unha clase, atréveste máis a falalo, porque, ao vivir xuntas, hai confianza”, apunta Iria Rodríguez, estudante de Comunicación Audiovisual e natural de Narón.

As ceas conxuntas que adoitan realizar cada semana ou ver películas e series en inglés tamén teñen axudado nos últimos meses á mellorar o dominio do idioma dos catro estudantes galegos que forman parte deste proxecto. Neste senso, Bea Mazaira, alumna de posgrao da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e compañeira de cuarto de Budmir, destaca como esta experiencia lle está permitindo ampliar moito o seu vocabulario. “Ademais, cada vez que dis algo mal, corríxete”, salienta esta alumna natural da Coruña. “Só se é algo que repiten”, aclara acto seguido Budimir, quen non se sinte “como unha profesora dentro da casa”.

Esta británica valora como “incrible” a experiencia que está a vivir na Casa Inglesa, que se ao resto lle permitiu mellorar o dominio do inglés, a ela axudouna a coñecer algo de castelán e galego. De feito, as súas compañeiras destacan o interese que esta británica está a por na aprendizaxe, a través da lectura de periódicos e libros e de preguntarlle as súas dúbidas as súas compañeiras. De aí que Mazaira resalte a “axuda mutua” que se prestan na Casa Inglesa, así como a boa relación existente entre as cinco persoas que nela residen, que tamén teñen axudado a Budmir a coñecer algo máis de Galicia. “Cada unha lévaa pola súa conta a ver sitios, facémoslle un pouco de guías turísticas”, engade.

“Cambio de chip” ao atravesar a porta

Despois de varios meses de convivencia, o feito de empregar o inglés nesta vivenda de Loureiro Crespo comeza a “saír dunha forma natural”, recoñece Alba Fandiño. Aínda que esta estudante de doutoramento na Facultade de Belas Artes tamén deixa claro que, a pesares dos meses transcorridos, “custa cambiar o chip ao chegar a casa despois de todo un día expresándote na túa lingua materna". De aí que en máis dunha ocasión, o castelán ou o galego saian institintivamente á hora de dirixirse a algunha das súas compañeiras, “mais todos intentamos falar en inglés e a convivencia é bastante natural”, destaca Fandiño.

Un proxecto que terá continuidade

Este proxecto naceu con vocación de continuidade e no vindeiro curso terá a súa terceira edición, para a que xa se teñen recibido solicitudes. De feito, este proxecto da Vicerreitoría nin sequera se interromperá durante o verán. “Hai demanda tanto de cara ao curso que vén como de alumnos de doutoramento e máster que continúan aquí no verán”, salienta a vicerreitora Antonia Blanco, que fai énfase no interese que está a espertar esta iniciativa. “Que en só dous cursos académicos este tipo de oferta xa sexa coñecida é moi importante para nós”, conclúe.