DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Camacho, profesor da ESE de Santarém:

"En Portugal xa temos rematado o proceso de adaptación ao espazo europeo"

O docente participou no curso de adaptación ao EEES para o profesorado

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 16/11/2007

Con motivo da súa presenza e intervención no curso de Formación do Profesorado para a adaptación ao EEES aproveitamos para falar con Jorge Camacho, profesor da Escola Superior de Educación de Santarém de como se está a realizar o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior en Portugal. Camacho, que hai unhas semanas rematou a súa estadía no campus como profesor invitado, participou estes días xunto con outros profesores, un de Castela ,outra de Portugal e varios da UVigo nunhas xornadas de reflexión sobre o tema en España.

Como se está a desenvolver o proceso de adaptación ao EEES no seu país?
En Portugal a maioría das institucións xa adaptaron toda a súa oferta formativa ao modelo de Bolonia. A adaptación fíxose principalmente no 2006 porque o goberno publicou unha lei coas datas de presentación das propostas de adaptación dos cursos antigos. Fíxose moi rápido porque xa houbera unha proposta lexislativa da que as institucións tiñan coñecemento dende 2005 e entón xa estaba previsto o que se podería facer e foi a partir de aí cando se comezou a traballar e cando se publicou a lei do 31 de marzo do ano seguinte xa había moito adiantado e puídose responder a esa primeira data límite. Houbo tamén unha segunda data, o 15 de novembro de 2006, o que acontece e que as realizadas en marzo foron avaliadas e aprobadas e entraron en vigor xa en setembro mentres que as de novembro tiveron que esperar ata o curso seguinte pero creo que neste momento na educación universitaria e politécnica practicamente todos os cursos están adaptados.

Entón mentres que outros países teñen problemas para cumprir os prazos, en Portugal parece que sobra, non si?
Pois si, imos chegar a tempo porque o prazo europeo é 2010 para ter adaptado. En Portugal ese prazo está cumprido. Haberá algunhas situacións dalgunha titulación puntual que aínda non estea axeitada pero son unha porcentaxe moi reducida.

Que dificultades atoparon á hora de adaptar as titulacións?
A dificultade principal foi o curto prazo que houbo para preparar todo. As institucións comezaron a traballar en 2005 e en 2006 a lei foi publicada dando os prazos para as propostas. Non houbo tempo suficiente para reflectir e interiorizar todas as implicacións deste modelo por tanto as propostas foron presentadas, si, pero o que foi posible facer, non o que era o ideal.
A grande vantaxe de telo feito é que xa temos un producto coas súas virtudes e defectos sobre o que reflexionar, tanto o que se ten feito coma o que precisa melloras. A medida que imos empregando os novos plans de estudo imos vendo os erros cometidos durante o proceso e, efectivamente, hai moitos aspectos que poden ser mellorados.

Podería poñer algún exemplo destes erros cometidos polo curto período de tempo de adaptación que tiveron?
Pois a fórmula de cálculo das unidades de créditos que nos novos principios de Bolonia están calculados con base ao traballo realizado e non ás horas presenciais coma ata o de agora. Isto presenta o problema de saber como imos medir a carga do alumno pois están implicadas moitas cousas: o traballo na casa, o de preparación e documentación nas bibliotecas, o de reflexión...Hai que crear instrumentos que permitan reflectir iso. En Portugal empregamos como ferramentas cuestionarios tanto en papel como electrónicos para a recollida de información para cruzar os datos obtidos entre os estudantes e o que os profesores pensan sobre os seus alumnos e establecer medias.
Pero ese traballo non aparece reflectido totalmente no produto final e os plans de estudo adaptados mantiveron unha lóxica bastante tradicional na distribución dos créditos nos que o que máis pesa é a asistencia a clase. É o problema do prazo tan curto que tivemos, que non deu tempo a repasar os mecanismos para unha información máis precisa.
Outro dos problemas derivados é que os profesores non interiorizaron o cambio e entre iso e as limitacións dos instrumentos mantívose unha tendencia clásica.

Pero dende a universidade hai un compromiso co cambio?
Si, hai moita motivación, estamos moi implicados. Temos que introducir xa algúns cambios que estamos vendo dentro de uns anos, nun espazo de tempo relativamente curto teremos que facer propostas de modificación porque xa imos percibindo as deficiencias coma a inexactitude no cálculo das horas de traballo e sobre todo hai que profundizar en cal é o perfil de competencias de cada profesional. Foi un debate que se iniciou fai tempo e que segue aberto porque para algunhas titulacións o perfil está definido pola lexislación publicada polo goberno pero noutras non está definido. O debate non tivo tempo de finalizar e en termos nacionais tivo como consecuencia que no momento de construír os plans de estudo todas as áreas parezan igual de importantes. Aparece un elevadísimo número de disciplinas cunha certa indefinición entre as fundamentais ou estruturais, as secundarias e as optativas, puxéronse todas a un nivel semellante.

E para rematar, como ve vostede o proceso en España?
En termos de implantación está máis atrasado qu en Portugal dende un punto de vista administrativo, eso ten as súas vantaxes porque está dentro do prazo europeo, co que o goberno español comprometeuse a cumprir e tal vez nós precipitámonos un pouco.
O feito de organizar o proceso dunha forma máis espaciada no tempo permite discutir e coñecer outras experiencias para aprender dos erros dos demais. Estamos nun proceso de aprendizaxe polo tanto é importante a colaboración entre institucións coma neste caso entre Portugal e Galicia para aprender en conxunto e contribuír. Aínda así haberá erros porque a percepción do correcto varía dun momento a outro pero sempre se poderá mellorar. As iniciativas coma as da Universidade de Vigo de organizar cursos e conferencias sobre o tema permiten que a comunidade interiorice e reflexione nun espazo común.