DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Renovou o cargo por maioría absoluta nas eleccións celebradas este venres

A potenciación das actividades de captación de alumnado marcará o segundo mandato de Montero Reguera como decano de Filoloxía e Tradución

Tamén se perseverará na liña de traballo de achegar o centro á sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/04/2023

A potenciación das actividades de captación de alumnado, tanto a nivel nacional como internacional, marcará o segundo mandato de José Montero Reguera, catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, como decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, “o centro máis cosmopolita e internacional da Universidade de Vigo”. Así o explicou o propio Montero Reguera na Xunta Extraordinaria de Facultade na que foi reelixido decano por maioría absoluta -44 votos a favor, seis en contra e cinco en branco-. “A captación debe procurarse no propio país, mais tamén en Europa e noutros países”, salientou o xa novo decano, ao tempo que fixo fincapé en que a internacionalidade deste centro debe seguir sendo unha das súas singularidades. A maiores, como segunda liña prioritaria de traballo, apuntou a súa intención de “seguir perseverando en achegar a facultade á sociedade”.

Montero Reguera chega a este segundo mandato arroupado polo mesmo equipo directivo que o acompaña no cargo desde que foi elixido decano por primeira vez en febreiro de 2020: Miguel Cuevas, como secretario e responsable de Infraestruturas do centro; Inmaculada Anaya,  como vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade; Beatriz Rodríguez, como vicedecana de Relacións Internacionais; María Seijas, como vicedecana de Calidade e Xosé Soto, como vicedecano de Organización Académica. “É un equipo competente, eficaz, moi traballador, experimentado (tres anos de traballo na dirección do centro) con carreiras académicas longas, consolidadas e recoñecidas nos diferentes eidos de investigacións das e dos seis (literatura española, lingua española, lingua galega, historia moderna e tradución); e que, finalmente, entende que a dirección dun centro é un exercicio constante de diálogo e comprensión”, explicou o decano.

Oferta de títulos “singular, atractiva e de excelencia”

O programa de goberno para os vindeiros tres anos está estruturado en tres grandes apartados. Por unha banda, tratarase, segundo explicou Montero Reguera, de organizar o centro de tal maneira que toda a súa actividade ou a meirande parte dela estea protocolizada de acordo cos estándares xerais da Universidade de Vigo e da universidade española en xeral. Por outra banda, tratarase de incrementar a presenza da FFT no conxunto da sociedade, de maneira que sexa coñecida a formación que achega ao seu estudantado; “que se saiba da importancia dos e das profesionais que o forman e que sexa tamén coñecida a actividade investigadora que realiza o seu persoal docente e investigador”. Como terceiro gran bloque, buscarase consolidar o lugar do centro no sistema universitario galego por medio dunha oferta “singular, atractiva e de excelencia” que permita competir en igualdade de condicións coas outras universidades da comunidade autónoma e do resto do estado.

Longa traxectoria profesional

José Montero Reguera chegou á Universidade de Vigo no ano 1995 e, dende entón, combinou a docencia e a investigación con diferentes cargos de xestión, desde secretario e director de departamento, ata vicedecano ou decano en funcións, a última vez en 2015, cando fora nomeado polo reitor Salustiano Mato tras varias convocatorias electorais ás que non se presentara ningunha candidatura. Director de Hesperia. Anuario de Filoloxía Hispánica e de Anais Cervantinos (CSIC, selo de calidade FECYT), foi profesor tamén nas universidades de Carleton (Ottawa, Canadá), Valladolid e Münster (Alemaña). 

Entre outros moitos méritos, é Premio Fernández Abril da Real Academia Española (1995), presidente de honra da Asociación de Cervantistas -que dirixiu entre 2004 e 2012- e, en 2021, foi elixido integrante do xurado do Premio Cervantes, o máis importante premio das letras españolas, a proposta da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE.) A semana pasada, coincidindo coa súa proclamación como candidato ao decanato, tivo lugar o seu ingreso como membro numerario do Instituto de Estudios Madrileños,  cerimonia na que pronunciou un discurso en homenaxe a Pío Baroja.