DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense ofrece este cuadrimestre unha ampla programación de escolas deportivas

Un pouco de deporte entre clase e clase?

As persoas interesadas poden inscribirse en cursos de tenis, natación, circuit-fit e moito máis

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 06/09/2012

Comezou un novo curso académico e entre os bos propósitos de moitos membros da comunidade universitaria está, coma cada ano, facer algo ou máis exercicio físico. Para todos eles o campus de Ourense ofrecerá en 2012/2013 unha ampla programación deportiva que abrangue desde o tenis e a defensa persoal ata a natación e o rugby. A través das chamadas escolas deportivas ou do uso de instalacións universitarias ou externas, estudantes, docentes, investigadores e persoal administrativo ou de servizos terán a posibilidade de enriquecer o tempo entre clase e clase dun xeito moi saudable.

“A programación deste ano busca sobre todo consolidar as actividades que durante o curso pasado tiveron mellor acollida, coma o ciclo indoor, e dar maiores posibilidades aos usuarios para o uso da piscina e das instalacións universitarias cunha variedade maior de abonos”, explica Alberte Rodrigo Pivida, responsable do Servizo de Deportes no campus de Ourense. Entre as novidades incluídas nesta edición, Pivida destaca o circuit-fit, un percorrido polas instalación do Pavillón que mestura diferentes exercicios moi dinámicos para mellorar a forma física dos participantes.

Polos beneficios que ten para a saúde física e mental e polo bo ambiente que se respira nos diferentes centros e grupos, o responsable de Deportes do campus quere animar á comunidade universitaria a aproveitar todas as posibilidades que lles ofrece esta programación e estas instalacións. Un desexo que este xoves transmitiu ao novo alumnado de Traballo Social que dentro das actividades da semana de acollida que celebra a Facultade de Ciencias da Educación se achegou ao Pavillón de Deportes para coñecer de primeira man este servizo.

Moitas opcións

As escolas deportivas que se impartirán no Pavillón do campus serán aero-jump/gap, boot camp, balomán, power dundell, circuit-fit, ciclo indoor, defensa persoal, box training, rugby, tenis, tenis infantil, voleibol, xadrez e squash. Na pisicina universitaria CDU-AQUA haberá iniciación e perfeccionamento de natación e aquagym. Alén destes cursos, tamén se poderá disfrutar do deporte nestes centros universitarios mercando algún dos seus abonos, que abranguen desde unha entrada diaria a unha anual. Para completar esta programación unha serie de centros deportivos da cidade ofrecen á comunidade universitaria unha serie de actividades, que van desde o pilates ata o golf. Trátase do Pavillón dos Remedios-Consello Municipal de Deportes, a escola de baile Sabrosura, Camino Pilates, Golf Pazo da Touza, La Casa del Elefante, Saraiba e os ximnasios 2000, Dinamic Center e Marbel.

Os prezos das escolas e do acceso aos centros varía en cada caso, tendo desconto as persoas que dispoñan da Tarxeta Deportiva Universitaria Básica ou que merquen algún dos diferentes abonos habilitados polo Servizo de Deportes e a piscina universitaria. O prazo para inscribirse nas actividades deste cuadrimestre está aberto do 3 ao 25 de setembro de 2012, desenvolvéndose as actividades do 1 de outubro ata o 22 de decembro e do 7 de xaneiro ata o 9 de febreiro. Os estudantes e o persoal docente, investigador, de administración ou de servizos que o desexen poden inscribirse no Edificio Administrativo do campus.