DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O luns presentouse o programa desta cita sobre o uso das TIC nas escolas e no rural

Póvoa de Varzim acollerá o III Congreso Ibérico sobre a fenda dixital

Entre as entidades organizadoras están as tres universidades galegas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 31/07/2012

“Co esta cita preténdese crear un espazo de encontro entre os profesionais de Galicia e de Portugal no sentido de xerar un debate sobre o estado actual das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos contextos escolares e non escolares”. Con este obxectivo presentouse este luns na localidade lusa de Póvoa de Varzim o que será o III Congreso Ibérico. Fenda Dixital: TIC, Escola e Desenvolvemento Local, que terá lugar os días 23 e 24 de outubro. O uso das redes sociais na educación ou o emprego da tecnoloxía para minguar o illamento do rural serán algúns dos temas que se tratarán neste encontro.

O congreso foi presentado por Luís Diamantino, responsable de Cultura e Educación de Póvoa de Varzim; por José Luís Gonçalves e Daniela Gonçalves, da Escola Superior de Educação Paula Frassinetti; e polos tres docentes que participan na organización deste evento en representación das universidades galegas, como son Xosé Manuel Cid, da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense; Xesús Rodríguez, da Facultade Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, e Mº Montserrat Castro, da Universidade da Coruña. Todos eles coincidiron en salientar a elección de Póvoa de Varzim como lugar de celebración e a oportunidade de afondar nesta temática dado o espectacular incremento do uso das TIC na sociedade actual.

“En tempos de crise coma os que estamos a vivir é importante unir esforzos e apostar pola investigación e a cooperación e por compartir coñecementos”, apuntou Xosé Manuel Cid durante a rolda de prensa de presentación. O vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación salientou a consolidación desta cita no eido da educación e a oportunidade que ofrece de actualizar coñecementos neste eido, pois os relatores participantes afondarán en cuestións como as radio-webs escolares, a titoría dixital e o uso do blog nas bibliotecas municipais como forma de dinamización da lectura.

O III Congresso Ibérico está organizado, ademais de polas tres universidades galegas, por Nova Escola Galega e universidades do norte de Portugal, concretamente a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e a Escola Superior de Educação de Paula Frassinetti. Xuntas unen esforzos para, explican, promover co apoio do Concello Póvoa de Varzim un encontro científico que reunirá a profesionais de Galicia e de Portugal que teñen moito que achegar no eido do uso das TIC para o desenvolvemento educativo e rural.