DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Falece Xaime Isla Couto, Doutor Honoris pola Universidade de Vigo

Da praciña de San Miguel ao ceo do galeguismo

Foi unha das figuras claves do galeguismo político e cultural so século XX

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 25/04/2012
“Eu nacín alí, na praciña de San Miguel, fronte a San Martiño Pinario. Eramos nove irmáns e chegou a dez a familia, un morreu moi novo”. Así lembraba as súas orixes quen foi protagonista dalgúns dos grandes momentos do galeguismo político e cultural do século XX, o economista, avogado e ensaista Xaime Isla Couto que falecía nas últimas horas en Vigo aos 97 anos de idade. Nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo en 1999, Isla Couto foi xunto a Francisco Fernández del Riego o fundador da Editorial Galaxia que hai apenas dous meses outorgáballe a presidencia de honra. “En Galicia non hai clientela para os libros, entón o que impos facer e crear unha distribuidora para poder crear unha clientela e despois empezar coa edición. Foi entón cando fixemos Galaxia”, explicaba en relación coa fundación da editorial.
Desde os equipos Ultreya, pasando polas Mocidades Galeguistas e despois como participante do proxecto do Seminario de Estudos Galegos de do Partido Galeguista, Xaime Isla Couto, foi un referente imprescindible para entender o galeguismo, pero tamén a cultura do país no século pasado.

Nado en Santiago de Compostela en 1915, pero moi vinculado a Vigo e Pontevedra dende hai décadas, Isla Couto combinou o exercicio da avogacía con importantes achegas aos ámbitos da socioloxía, a economía e a organización local, introducindo novidosos conceptos, vixentes aínda na actualidade. Director na década de 1960 da Revista de Economía de Galicia, o labor de Illa Couto tamén se estendeu á galeguización da liturxia. Comprometido co recoñecemento do galego no Concilio Vaticano II, as fondas conviccións espirituais de Isla Couto impulsárono a crear a editorial Sept no ano 1966 desde a que se promoveu a edición da Biblia e o Novo Testamento en lingua galega.

Cofundador da Fundación Penzol e da Fundación Otero Pedrayo e membro da Real Academia Galega , foi creador xunto a súa dona Cristina Novoa e os seus irmáns Manuel e Celso da Fundación Isla Couto, especializada en estudos locais, socioloxía, economía e espiritualidade.

Dono da palabra, da verba fonda …

Aos moitos recoñecementos que ao longo da súa vida recibiu Isla Couto, sumouse en 1999 o Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Apadriñado polo catedrático Manuel Fernández Areal, o galeguista foi obxecto dun sentido recoñecemento tanto por parte do seu padriño como do entón reitor, Domingo Docampo. No seu discurso Docampo lembrou o activo labor desenvolvido por Isla Couto ao que se referiu como “dono da palabra, da verba fonda, expresiva e sorprendentemente doada” e do que dixo que era “una boa mostra da realista simbiose da súa formación xurídica coas ciencias económica e social. E, como substrato do seu pasamento e motor permanente de toda a súa acción creadora, latexa a súa fonda preocupación pola cultura, especialmente pola cultura galega”.
Na súa alocución Docampo lembrou a pertenza de Isla Couto a unha xeración de intelectuais que viviron “ tamén sufriron, un matinado compromiso con Galicia coa lucidez e a obxectividade propias do mestre e alleo a todo fundamentalismo”.