DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Piuvi-Tecnópole ofrece catro espazos de balde para os mellores proxectos emprendedores

O prazo para apuntarse á preincubadora do campus acaba o 29 de xuño

Poden presentar as súas propostas os membros da comunidade universitaria e novos egresados

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 22/06/2012
Se formas parte da comunidade universitaria ou es un novo egresado, se tes unha idea de negocio que pensas que ten viabilidade e se precisas un pouco de axuda para botar andar o teu proxecto emprendendor unha opción que tes á túa disposición é apuntarte á Piuvi-Tecnópole. A preincubadora da Universidade de Vigo no campus de Ourense ten aberta ata o 29 de xuño a convocatoria para a presentación de propostas para ocupar un dos catro primeiros espazos de balde que ofrece no Parque Tecnolóxico de Galicia.

A convocatoria da Piuvi-Tecnópole convida a estudantes e novos titulados a presentar proxectos emprendedores relacionados con calquera das ramas do coñecementos dos estudos da Universidade de Vigo. Entre as ideas que se presenten, e tras unha entrevista persoal e a valoración do proxecto por parte dunha comisión, elixiranse catro para arrancar a actividade da preincubadora universitaria. Os proxectos poderán ser elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro estudantes, que deberán presentar, entre outra documentación, a descrición da idea emprendedora, o currículo de todos os solicitantes e unha carta de interese na que xustifiquen a súa motivación para participación nesta convocatoria, así como as súas expectativas en caso de resultar gañadores.

Na valoración das propostas a comisión de selección premiará criterios como o carácter innovador do proxecto, o seu nivel de desenvolvemento e a súa viabilidade; o potencial internacional e de creación de emprego; o aproveitamento dos recursos dispoñibles; a sustentabilidade e responsabilidade social do negocio e o nivel de implicación real dos promotores.

Unha oficina de balde

A cada un dos catro proxectos elixidos a Tecnópole asignaralle nas súas instalacións un espazo por un período de 6 meses, prorrogable ata un ano. Esta asignación consistirá nunha subvención do 100% do canon de uso das infraestruturas, é dicir, dispoñer de balde dunha oficina de aproximadamente 20 metros cadrados, de electricidade, dunha liña telefónica con ata 25 euros mensuais de consumo e dunha rede de ata 5 GB de tráfico. Ademais, os beneficiarios terán a posibilidade, tamén de xeito gratuíto, de aproveitar as actividades de formación e asesoramento ofertados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e pola Confederación de Empresarios de Ourense.

"O obxectivo de Piuvi-Tecnópole é converterse nun espazo para o emprendemento de proxectos empresariais de base cientifico-tecnolóxica, realizados por membros da nosa comunidade universitaria, que deste xeito poderán botar a andar as súas ideas nunha contorna protexida”, explica María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense. Para conseguilo acadaron a implicación de tres entidades coas que a Universidade de Vigo ten asinados convenios de colaboración, como son o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, a Cámara de Comercio e Industria de Ourense e a Confederación de Empresarios de Ourense.