DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofértanse 64 títulos e case 1900 prazas para o curso 2023/2024

O prazo de preinscrición nos mestrados da UVigo está aberto ata o 9 de xullo

Repartidos nos seus tres campus e relacionados coas diferentes áreas de coñecemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 05/07/2023

Desde este luns e ata o domingo 9 de xullo está aberto o prazo de preinscrición nos mestrados da Universidade de Vigo. As persoas interesadas en ampliar a súa formación universitaria no curso 2023/2024 con estudos de posgrao teñen para elixir na UVigo 64 títulos de mestrado, repartidos nos seus tres campus (Ourense, Pontevedra e Vigo) e relacionados coas diferentes áreas de coñecemento. A oferta amplíase este curso académico con catro novas propostas: Xestión Sostible da Auga; Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica; Enxeñaría Aeronáutica e Fabricación Aditiva. O número total de prazas ofertadas ascende a 1879.

Dos 64 mestrados que oferta a UVigo para o curso 2023/2024, 13 están adscritos ao campus de Ourense, dez ao de Pontevedra e 41 ao de Vigo. Por áreas de coñecemento, a de Enxeñaría e Arquitectura é a que máis opcións ofrece (23 mestrados), seguida da de Ciencias Xurídicas e Sociais (20); Ciencias (nove); Artes e Humanidades (sete) e Ciencias da Saúde (cinco). 29 destes títulos teñen carácter interuniversitario e dez deles son semipresenciais. O número de créditos oscila entre os 60, 90 ou 120, segundo a tipoloxía de mestrado. Polo que respecta aos prezos, tamén varían, dependendo de se son mestrados para acceso a profesións reguladas, mestrados do ámbito tecnolóxico ou de humanidades.

Catro novidades

Entre esta oferta, Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente da UVigo, destaca que o vindeiro curso académico vanse implantar catro novos mestrados, ademais de levar a cabo a transformación do Mestrado Universitario en Avogacía en Mestrado Universitario en Avogacía e Procuradoría, a partir da modificación do real decreto de habilitación desas profesións. Dous dos novos mestrados, explica o responsable académico, pertencen ao catálogo Galicia 2030, como son o de Xestión Sostible da Auga e o de Fabricación Aditiva, ambos interuniversitarios. “O primeiro impartirase na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, entre as tres universidades públicas galegas, e o segundo impartirase na Escola de Enxeñaría Industrial, entre a UDC e a UVigo”, sinala Alfonso Lago.

Ademais, no curso 2023/2024 implantarase na Universidade de Vigo o Mestrado Universitario en Ciencia e Tecnoloxía de Información Cuántica, “que tamén é interuniversitario, entre as tres universidades públicas galegas, e que é o primeiro que se impartirá dentro do ámbito da tecnoloxía cuántica”, tal e como indica o responsable académico. Por último, arrancará tamén o Mestrado Universitario en Aeronáutica, que, apunta o vicerreitor, “foi moi traballado pola Universidade de Vigo e por todo o sector social da cidade de Ourense para ser implantado” e que “xunto co grao de Enxeñaría Aeroespacial formará un itinerario de aprendizaxe dentro do ámbito aeronáutico e aeroespacial dentro da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo”.

Prazos

A preinscrición nos mestrados da Universidade de Vigo pode realizarse do 3 ao 9 de xullo de 2023, á excepción do Mestrado Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, que pechou o seu prazo de preinscrición o pasado 11 de xuño. Unha vez realizada a súa matrícula as persoas admitidas (do 28 ao 31 de xullo), de quedar prazas libres convocarase un segundo prazo de preinscición (do 25 ao 30 de agosto) e, de ser o caso, un terceiro prazo (do 25 ao 27 de setembro). Na páxina web da UVigo, a través da cal se realiza a preinscrición, está dispoñible toda a información precisa relativa á oferta de títulos, requisitos, procedementos e prazos.