DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están destinados a distinguir a investigación, transferencia, innovación educativa e divulgación

O prazo de presentación á primeira edición dos premios do Campus da Auga remata o 31 de xullo

Os galardóns están dotados cun total de 3600 euros

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 16/06/2017

O prazo de presentación de candidaturas á primeira edición dos Premios de Investigación, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga remata o vindeiro 31 de xullo. Os galardóns enmárcanse dentro da política de impulso e fomento da investigación, transferencia, innovación educativa e divulgación científica relacionada co motor estratéxico de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Os galardóns están dotados cun total de 3600 euros.

O obxectivo destes galardóns, financiados por Viaqua Xestión Integral de Augas de Galicia, é recoñecer e estimular accións relevantes que contribúan a visibilizar e promocionar o campus de Ourense-Campus da Auga tanto no eido estatal como internacional. Segundo as características de cada modalidade, aos galardóns poderán optar persoal docente e investigador da Universidade de Vigo e alumnado matriculado nos cursos 2014/2015; 2015/2016 e 2016/2017 nesta institución académica.

As modalidades destes galardóns son premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado, dotado con 300 euros; premio de investigación a teses de doutoramento, dotado con 500 euros; premio de investigación á mellor contribución científica, dotado con 700 euros; premio ao mellor resultado de transferencia, dotado con 700 euros; premio de innovación educativa relacionada con estudos de grao ou posgrao, dotado con 700 euros, e premio a accións ou actividades de divulgación científica, dotado con 700 euros.