DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación acolle unha mostra de propostas didácticas elaboradas por alumnado do grao de

Da pregunta dun neno a un proxecto pedagóxico enriquecedor

Entre as metodoloxías máis empregadas están as maletas con materiais sobre unha determinada temática

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/05/2012

Un neno de Educación Infantil chega ao colexio e a súa bufanda está rota. É un feito anecdótico pero real, próximo e concreto para os alumnos desa aula. A partir del o docente, coa participación activa dos rapaces, desenvolve todo un proxecto pedagóxico que os leva a investigar na historia da vestimenta, a coñecer os diferentes tipos de prendas e o seu uso, a crear abelorios e ata a facer un desfile no centro. A escena é imaxinada pero o traballo pedagóxico desenvolto nela é real e del pódese gozar nunha exposición de traballos do alumnado de Educación Infantil que estes días acolle o Edificio de Ferro do campus de Ourense.

Tal e como salienta a docente Rosa Cid, responsable da iniciativa, cada un dos paneis expostos no segundo andar da Facultade de Ciencias da Educación resume o traballo realizado por un grupo de alumnos de terceiro curso do grao de Educación Infantil. Os seus 70 estudantes tiveron que, na materia de Aprendizaxe das Ciencias Sociais, dividirse en grupos e realizar cada un deles durante este cuadrimestre unha maleta pedagóxica ou un traballo por proxectos. Imaxinando que estaban ensinando nun centro educativo de verdade, os universitarios tiveron que desenvolver todos os materiais precisos igual que se estiveran nun contexto real e presentalos na facultade.

Unha educación activa

“No traballo por proxectos, como no caso da bufanda e a roupa, o neno suxire directa ou indirectamente o tema, fai as preguntas, investiga, el mesmo conduce o traballo e ten un papel moi activo. Doutro lado temos as maletas pedagóxicas, maletas que ao abrilas atopamos nelas un banco de recursos arredor dun tema, con cancións, adiviñanzas, xogos, etc.”. A través da fórmula da maleta ou do proxecto, os futuros docentes de Educación Infantil foron desenvolvendo contidos como os medios de transporte, a historia de Ourense, os medios de comunicación, o entroido, os días conmemorativos, a evolución da familia, o significado da idade, o tempo e a cultura galega, entre outros. Todo elo co obxectivo final, como salientan os propios universitarios nos seus paneis, de fomentar unha educación máis participativa e activa por parte do escolar, para que adquira competencias que poder aplicar en situación similares á aprendida.

Como exemplo dun traballo por proxectos, un grupo de universitarios propón no seu panel afondar na historia e xeografía da cidade de Ourense a raíz dunha situación ficticia na que un dos escolares chega ao colexio cunha carta doutro neno de Polonia na que lle presenta o seu país. Como lles explicarían estes rapaces a ese neno polaco a súa cidade? Para responder a esta pregunta, os escolares crean e desenvolven un conto dramatizado sobre a historia de Ourense, realizan maquetas e planos da cidade, propoñen itinerarios por ela, desenvolven xogos lingüísticos, etc. Como exemplo das maletas pedagóxicas ideadas está a de Carolina, Ana, María, Rocío e Ana María sobre medios de transporte e seguridade. Ao abrir esa maleta atópanse todo tipo de materiais arredor desta temática, como un mural, un quebracabezas, adiviñanzas, contos, cancións, un circuíto de xoguete ou indicacións de como construír un medio de transporte con material reciclado.

“Os traballos presentados polos estudantes de Educación Infantil foron fabulosos. Ao principio enfrontáronse á dificultade de ter que imaxinar o contexto da aula de Educación Infantil pero conseguíronos facer e os traballos realizados e as presentacións na aula foron impresionantes”, apunta Rosa Cid. O vindeiro curso estes alumnos chegarán ao remate dos seus estudos universitarios coa realización das prácticas en centros educativos. Será entón cando estas metodoloxías poidan ser aplicadas nun contexto real, un paso que, salienta Cid, os estudantes participantes nesta iniciativa se ven capacitados a dar despois deste experimento.