O reitor recolleu o galardón nunha gala celebrada este xoves pola noite en Madrid
Premio Especial da Armada 2023 á Universidade de Vigo
En agradecemento ao seu significado apoio á imaxe desta institución
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, foi o encargado de recoller este xoves pola noite o Premio Especial da Armada 2023 á Universidade de Vigo en recoñecemento ao seu significado apoio á imaxe desta institución. A gala de entrega de premios, celebrada nas instalacións deportivas da Armada en Madrid, foi un emotivo acto onde se recoñeceu o labor de difusión da Armada nas distintas disciplinas de innovación, cultura e deporte.
Reigosa recolleu o premio de mans do Almirante Xefe do Estado Maior da Armada, o tamén galego Antonio Piñeiro e, entre as numerosas autoridades que acudiron ao acto, salientouse a participación da ministra de Defensa en funcións Margarita Robles, que foi a encargada de entregar o Premio Especial da Armada ao profesional do medio de comunicación a Juan José Fernández, redactor de Defensa do xornal El Confidencial.