DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración da IX Reunión Nacional de Óptica

O premio Nobel de Física William D. Philips eloxia o nivel da investigación desenvolvida no campus

Ata o día 17 participarán 250 expertos nacionais e internacionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 14/09/2009
O campus ourensán será ao longo desta semana o centro do debate nacional sobre os últimos avances das tecnoloxías que teñen que ver coa luz e as súas aplicacións con motivo da celebración da IX Reunión Nacional de Óptica (RNO). Dende hoxe e ata o xoves 17 preto de 250 expertos, chegados de toda España e tamén do estranxeiro, reuniranse no campus para coñecer os últimos avances en eidos como as tecnoloxías do láser, as comunicacións ópticas, a óptica cuántica ou as operacións de cirurxía ocular.
Para o comité organizador da reunión, presidido polo profesor Humberto Michinel, “é toda unha honra ter sido escollidos para a celebración deste congreso, xa que iso amosa o bo nivel que temos neste momento dentro de España”. Durante a presentación do congreso o presidente da Sociedade Española de Óptica (SEDOPTICA), Carlos Ferreira, destacou que “o gran número de asistentes pon de manifesto o poder de convocatoria que tivo a reunión e sinala que a óptica é unha rama da ciencia que goza de moi boa saúde”.
Pola súa banda, o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, expresou o seu desexo de que esta reunión “cumpra todos os seus obxectivos tanto dende o punto de vista científico como profesional”. Tamén agardou que ademais de asistir ao congreso, os participantes teñan “algún tempo e enerxías para gozar da cidade, do noso patrimonio monumental, a nosa gastronomía e as nosas augas termais”.
Pola súa banda o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, destacou que “hoxe é un día importante para a cidade de Ourense, para o campus e para toda Galicia, xa que ter unha reunión deste calibre non é unha posibilidade diaria”. O conselleiro tamén sinalou que “a universidade fai posible a presenza dos ámbitos científicos galegos nos círculos internacionais que polarizan o progreso mundial”.
Para rematar o acto inaugural, Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, manifestou que “é todo un orgullo e un pracer que SEDOPTICA nos elixise para celebrar esta reunión”. A pesar de que Ourense posúe un campus pequeno, “supoñemos algo máis do 35% a nivel de investigación na Universidade de Vigo e boa a parte desta produción recae no Edificio Politécnico, maioritariamente na Facultade de Ciencias”. Por último, Gálvez deu a benvida aos participantes e deu por inaugurada a reunión, “agardando que aproveitedes estas xornadas e que gocedes da cidade”.

Eloxios dun premio Nobel

O profesor William D. Philips, premio Nobel de Física no ano 1997 polos seus experimentos sobre arrefriamento de átomos con láser, foi o encargado de inaugurar a reunión ofrecendo o primeiro relatorio das xornadas. Philips amosouse “encantado por estar en Ourense, nesta reunión e desexoso de coñecer as comunicacións que presentará a comunidade de científicos de Óptica de España”. Para o premio Nobel , “o feito de que se celebre aquí esta reunión é un recoñecemento do excelente nivel que teñen os estudos de Física no campus”.
Durante o seu relatorio, Philips afondou no contido do seu traballo, “o emprego de láseres para conseguir gases o máis fríos posibles, a materia máis fría que existe no universo”. Segundo as regras da mecánica cuántica, os átomos nese estado tan frío compórtanse dun xeito moi similar á luz, o que deu lugar ao campo de investigación da óptica atómica, que consiste en “estudar aos átomos coas regras da óptica empregando a propia luz dos láseres”. En España este campo está a ter moita actividade, especialmente Philips destacou que “o grupo de Óptica do campus é pioneiro neste eido”.
Respecto ao nivel investigador galego e nacional, Philips comentou que no campus “estanse desenvolvendo actividades fascinantes que en breves poderán dar bos resultados”. Destacou ademais que aquí xa había “un traballo teórico moi importante coñecido por toda a comunidade científica internacional” e que agora produciranse “máis resultados no ámbito experimental”.
Actualmente Philips está a desenvolver dúas liñas de investigación, a primeira sobre “información cuántica empregando átomos fríos” e a segunda delas sobre “simulación de sistemas de materia condensada, que non se poden representar con ordenadores habituais e iso entra dentro do que se coñece como simuladores cuánticos”.

Máis relatorios

Entre os relatorios que terán lugar no campus ata o vindeiro xoves o presidente do comité organizador, Humberto Michinel, destaca a conferencia do Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial (INTA) que presentará os resultados sobre “recollida de datos do último telescopio solar que fixeron en colaboración coa NASA e a Axencia Aeroespacial Europea”. Tamén se vai presentar no seo desta reunión o grupo SECPHO, “unha iniciativa de máis de 60 empresas españolas do campo das tecnoloxías do láser que se uniron para formar un clúster de empresas do sector do sur de Europa”. Ademais, nas distintas especialidades que se tratarán no congreso tamén destacan a presentación dos últimos avances en revisión do estado do ollo despois da cirurxía ocular ou as recentes achegas sobre novos tipos de fibras ópticas “•para ter comunicacións por banda ancha moito máis rápidas”, explicou Michinel.

O futuro de Física

Para o comité organizador, contar coa presenza de físicos da talla de Philips ou do Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, J. Ignacio Cirac, “amosa o bo nivel que teñen os estudos de Física en Ourense”. Michinel manifestou ademais que “é unha mágoa que se estea cuestionando a existencia desta titulación” e agarda que coa celebración deste evento quede ben claro que “o nivel de Física é excelente e que unha titulación coma esta move moitas máis cousas que simplemente o número de alumnos que entra en primeiro curso”.
Pola súa banda, o conselleiro sinalou que “non está adoptada ningunha decisión ao respecto de Física e que non se poden realizar consideracións previas”. Para Vázquez, “esta é unha cuestión que terán que discutir os tres reitores, a comisión de titulacións e o Consello Galego de Universidades”. Segundo o conselleiro, a día de hoxe “non se poden adoptar decisións que non están tomadas e que poden danar incluso a Física, no caso de que nunhas semanas non se decidise implantar o grao de Ciencias Ambientais”.