DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O gañador do concurso de microrrelatos convocado pola Vicerreitoría foi recibido na Casa das Campás

Premio ás verbas que mellor definiron a idea dun 'pavillón verde'

O texto escrito polo estudante Guillermo Berbel foi recoñecido con 600 euros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 30/05/2014

Desde hai meses, o campus de Pontevedra traballa por converterse no primeiro de España no que ondee unha bandeira verde, a distinción ás actuacións en materia de xestión e educación ambiental que outorga a FEE (Foundation for Enviromental Education). Na procura desde estandarte, enmárcase o proxecto Pavillón Verde, do que forma parte un concurso de microrrelatos que animaba á cidadanía a plasmar nun máximo de 100 carácteres a súa idea dun pavillón sostible, como fixo o estudante Guillermo Berbel, que este venres recibiu na Casa das Campás o diploma que o acredita como gañador dun certame dotado dun premio económico de 600 euros.

“Que é para ti un pavillón verde?” era a pregunta á que debían dar resposta as persoas participantes nesta iniciativa enmarcada no proxecto Pavillón Verde: deporte sostible no campus de Pontevedra, como explicou no acto de entrega do premio o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho. Debían facelo ademais “en galego e nun máximo de 100 carácteres, un espazo incluso máis reducido que o dun tweet”, apuntou Corbacho, que salientou que o texto presentado por Berbel fora seleccionado por unanimidade por un xurado composto por Benigno Soto, director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade; Gustavo Loureiro, responsable do Servizo de Deportes no campus de Pontevedra e Ana Acuña, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina.

O vicerreitor estivo acompañado neste acto pola coordinadora do proxecto Pavillón Verde, Saleta González, que explicou que o obxectivo deste concurso era “fomentar dentro da comunidade universitaria esa filosofía de deporte sostible”. Fíxoo promovendo unha reflexión máis aló dos muros das instalacións deportivas coa convocatoria dun concurso que, como recoñeceu, “tivo bastante éxito” e ao que un bo número de persoas achegaron a súa explicación do que é un pavillón sostible.

As dúbidas do gañador

“A natureza pediu saúde, a saúde exercicio físico, o planeta sustentabilidade”, foron as verbas que permitiron a Berbel converterse no gañador dun certame no que, recoñeceu, tivo que “pensar moito se participar ou non”. En primeiro termo, porque nunca se atrevera a presentarse a un certame deste tipo e, en segundo, porque tiña “un pouco de medo a cometer algún erro” ao redactar en galego, explicou este estudante fillo de galega e asturiano, nacido e crecido na comunidade veciña.

Mais finalmente animouse, principalmente porque o certame entrelazaba dou temas que lle interesan moito, o deporte e o coidado pola natureza. “O que intento transmitir no relato é a importancia que ten coidar o medio ambiente, así como a relación que existe tamén entre o exercicio físico e a saúde”, apuntou este alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.