DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 28 de xullo permanece aberta a inscrición nun certame promovido polo Campus Crea

Uns premios porán en valor as creacións e proxectos que conecten diferentes disciplinas

Dirixidos ao alumnado, outorgaranse un total de 3000 euros aos mellores traballos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 08/05/2023

Saúde, comunicación, deseño, recursos naturais, gobernanza e pedagoxía na profesionalización docente. Cando menos dúas destas seis liñas de investigación específicas do Campus Crea deberán combinarse nos traballos ou accións desenvolvidos que opten aos III Premios CREA-Creatividade e Innovación, uns galardóns dirixidos a promover o traballo interdisciplinar do alumnado, nos que se repartirán 3000 euros en premios. Ata o 28 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de traballos a estes premios promovidos pola Vicerreitoría e o Campus Crea, enmarcados, como recolle a súa convocatoria, na “política de impulso e fomento do proxecto de especialización” do campus pontevedrés. 

Abertos a múltiples tipos de propostas, “a principal condición para poder participar neste premios é que os traballos reúnan liñas de investigación distintas e complementarias”, salienta a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. Nese senso, sinala, o principal propósito destes galardóns é pór en valor “as investigacións interdisciplinares que se desenvolven no campus" e que conectan directamente “coa cultura do Campus Crea, que pretende xerar sinerxías entre as distintas titulacións e os diferentes investigadores e grupos e promover accións, investigacións e estudos que sexan interdisciplinares”.

Proxectos que saían dos “percorridos predeterminados”

Como recolle a resolución reitoral pola que se convoca a terceira edición destes premios, o obxectivo desta iniciativa, alén de recoñecer accións “que contribúan á promoción do Campus Crea”, é pór en valor “o feito fundamental da innovación que xorde das novas ideas, saíndo dos percorridos predeterminados, procurando acadar novos produtos e producións orixinais”. De aí que estes galardóns, como recoñece Fernández Souto, estean abertos “a todo tipo de proxectos”, sempre e cando “impliquen a membros da comunidade universitaria de diferentes ámbitos de coñecemento”. De feito, desde bases de datos a obras pictóricas formaron parte das creacións premiadas nas anteriores edicións desta iniciativa, na que se outorgarán tres premios, cunha dotación económica de 1500, 1000 e 500 euros respectivamente.

Dirixidos a “premiar traballos e accións creativas innovadoras e interdisciplinares”, a estes premios pode concorrer todo o alumnado matriculado no presente curso na Universidade de Vigo. A natureza da obra será nese senso “totalmente aberta”, sendo imprescindible que fosen realizadas por "estudando de cando menos dous ámbitos de coñecemento do campus”, cuxa participación “quede reflexada na obra por ser recoñecible a súa liña de investigación”.

Aberto ata 28 de xullo

As persoas interesadas en concorrer ao certame deberán presentar as súas obras na sede da Vicerreitoría do campus, de xeito físico cando sexa posible e de forma dixital nas restantes. Xunto ao seu proxecto, terán que achegar tamén un sobre cunha breve descrición da obra, o seu título, o nome dos autores e autoras e unha “breve memoria explicativa do desenvolvemento do proxecto que permita coñecer a cooperación entre as diferentes disciplinas implicadas”. O prazo de presentación dos proxectos permanecerá aberto ata o 28 de xullo ás 14.00 horas. 

Unha comisión presidida pola directora do Campus Crea será a encargada de avaliar os diferentes traballos presentados, tendo en conta criterios como a súa orixinalidade, a súa “aplicabilidade para achegar resolucións ou respostas a problemas, necesidades e demandas sociais” e o xeito no que reflicta ese “traballo cooperativo” entre distintas áreas de coñecemento. Finalmente, o nome dos premiados e premiadas darase a coñecer nun acto público previsto para o mes de outubro.