DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte celebrou unhas xornadas sobre muller e alto rendemento

Unha preparación física pensada para elas

A medallista olímpica Theresa Zabell sinalou a necesidade de planificar adestramentos en función do

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 09/10/2012

Como as deportistas poden adestrar do mesmo xeito que os seus homólogos masculinos se as súas condicións física, anatómica, hormonal e biomecánica son tan diferentes? A estas cuestións tentou dar resposta a primeira xornada sobre muller e alto rendemento, organizada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Para visibilizar o “importante” papel que as deportistas xogan na elite profesional, o encontro contou coa presenza da dobre medallista olímpica Theresa Zabell, tamén vicepresidenta do Comité Olímpico Español, COE, que compartiu co alumnado que ateigou o salón de graos a súa vida no alto rendemento. “Na miña carreira como deportista non había diferenciación por sexos na preparación física, de feito, tanto homes como mulleres empregabamos a mesma embarcación cun adestramento practicamente idéntico”, relatou a regatista olímpica con dúas medallas de ouro conseguidas nos xogos de Barcelona 92 e de Atlanta 96 na modalidade 470 de vela.

No acto inaugural Zabell estivo arroupada pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, pola directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade, María José Martínez Patiño, pola decana da facultade, Francisca Fariña e pola coordinadora das xornadas, a profesora Marián Fernández Vilariño. Todas mulleres, decidiron impulsar esta actividade para concienciar da necesidade de establecer procesos de adestramento que respecten as características específicas das deportistas, así como difundir a investigación científica nesta materia para poder deseñar eses plans de traballo concretos, contribuíndo, en definitiva, á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no deporte. Theresa Zabell considerou imprescindible seguir afondando nesta liña de investigación para conseguir que a condición física da muller si se teña en conta. “Cando eu adestraba, as únicas diferenzas que se daban eran no traballo de pesas no ximnasio porque simplemente as deportistas non podíamos coas que empregaban os mozos”, describiu a vicepresidenta do COE que agradeceu á profesora Martínez Patiño que “lle abrise os ollos” sobre esta proposta científica “promovida dende a Universidade de Vigo”.

O papel das universidades e do Centro de Estudos Olímpicos

Na súa visita ao campus pontevedrés, a dobre medallista olímpica deixou claro que o papel das universidades “é fundamental” para o desenvolvemento e consolidación da disciplina. “O deporte non é só competición ou unha posta en escena nos campos. Ten que haber todo un estudo por detrás e conclusións, como que a preparación física para unha muller non pode ser igual que a dun home, que sae desta Universidade e non dun campo de adestramento”, puntualizou Zabell que ademais preside a Comisión Muller e Deporte do COE. En canto á supremacía dos logros femininos nos Xogos Olímpicos de Londres, Zabell apuntou que "non é máis que un reflexo da sociedade actual", consecuencia das dificultades do pasado "pois as deportistas tivérono máis difícil que os homes polo que se esforzaron máis e agora recóllense as recompensas dese traballo que na competición chegan en forma de medallas".

Pola súa banda, tanto a decana da facultade como a vicerreitora do campus quixeron agradecer publicamente o labor asumido polo Centro de Estudos Olímpicos da Universidade dirixido pola profesora Martínez Patiño, unha iniciativa que segundo Antonia Blanco “xa é unha realidade” e que naceu coa finalidade de expandir o olimpismo e o movemento olímpico entre toda a comunidade universitaria. A de Vigo é unha das 22 universidades españolas que dispoñen dun centro destas características e a súa recente creación “non impediu que xa estea cumprindo o reto de achegar a nosa facultade aos membros do COE”, engadiu Francisca Fariña. Ademais das palabras de Theresa Zabell, o encontro tamén contou coas intervencións de María Luisa Estriga, docente da Universidade do Porto, que afondou no tratamento das lesións en mulleres e como previlas, e de Alberto García Bataller, profesor da Universidad Politécnica de Madrid e adestrador de natación e triatlón.

Paralelamente á celebración desta xornada, tamén se inaugurou na facultade a exposición itinerante Siempre adelante, mujeres deportistas, promovida polo Instituto da Muller de España. Dende este martes ata o vindeiro 19 de outubro poderase facer un percorrido polos últimos 20 anos de historia do deporte feminino a través de imaxes fotográficas nas que se presentan a 40 mulleres deportistas de alto nivel de diferentes disciplinas.