DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Daniel Silberfaden, xunto a Rafael Iglesia visitou o campus

O presidente dos arquitectos arxentinos destaca “a situación democrática” xerada no campus vigués

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/11/2007

Como “moi sorprendente” define, Daniel Silberfaden a arquitectura do campus vigués da que asegura “encantoume, en especial os espazos comúns, e a visión dos edificios desde arriba”.
O presidente da Sociedad Central de Arquitectos de Arxentina, acompañado do tamén arquitecto arxentino Rafael Iglesia e o español, Félix Arranz, visitou as principais construcións do campus das que destacou que “é unha colección de edificios de arquitectos de sinatura, na que en contra do que ocorre, un non se come a outro, se non que se logra xerar unha situación moi democrática, onde non hai destaques particulares”.
Pola súa banda Rafael Iglesias, destacou a obra de Enric Miralles, quen lembrou ten unha influencia moi forte na Arxentina, e do que “vendo neste campus a súa obra en vivo, ratifícome na idea de que era un arquitecto fantástico”.

Vías elevadas

Silberfaden e Iglesia coincidiron en sinalar o acerto da elección de Paulo Mendes da Rocha para acometer o proxecto de vías elevadas que permitirá unir os edificios que se atopan no campus a diferentes niveis. Iglesia é contundente ao afirmar que “Paulo Mendes da Rocha é o mellor arquitecto que temos en Sudamérica .Penso que é unha moi boa elección que se encargue do proxecto de vías elevadas que polo que coñezo vai ser moi interesante”.
Unha opinión que comparte o presidente da Sociedad Central de Arquitectos de Arxentina que tamén considera especialmente interesante no caso do campus vigués que “fronte a unha vida universitaria que ás veces enténdese como unha vida de claustro, propóñase case o dobre de superficie para o ámbito común, creo que é a verdadeira universidade. A aprendizaxe de diferentes profesións, de diferentes estudos e ideoloxías, cruzándose no espazo público, creo que é moi interesante”

Referentes na arquitectura arxentina

Daniel Silberfaden que na actualidade preside a Sociedad Central de Arquitectos de Arxentina, fundou a carreira de arquitectura na Universidade de Palermo, da que tamén foi decano entre os anos 1992 e 1998. Autor de numerosas obras residenciais, corporativas e urbanizacións, ten recibido galardóns nacionais e internacionais.
Pola súa banda, Rafael Iglesia é autor de obras como a Casa da Barraca, os vestiarios sobre o río Paraná ou Casa BV Argentino.