DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Guliano Berretta detalla a aposta da operadora de satélites por internet e o cine

O presidente de honra de Eutelsat gaba o XaTcobeo e incide na cooperación entre universidade e industria

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/03/2012
Chegou á dirección comercial de Eutelsat en 1990 despois de varios anos traballando na Axencia Espacial Europea (ESA) e unha vez dentro das filas da operadora de satélites europea exercería os cargos de conselleiro delegado e presidente durante 11 anos. Na actualidade como presidente de honra de Eutelsat e presidente de Eutelsat Italia, Guiliano Berretta, atesoura un coñecemento case enciclopédico dunha organización internacional que en poucos anos evolucionou ata se converter nunha compañía multimillonaria. Nun descanso entre relatorio e relatorio da International Administrative and Teaching Staff Training Week na que participa estes días no campus de Vigo, Berretta explica que “a miña carreira en Eutelsat ten moito que ver coa expansión. Cando cheguei era una organización internacional pequena e en 2001, cando era director xeral, se privatizou. É unha sociedade moi económica, habida conta que nela traballan só 700 persoas e foi quen na última década de triplicar o seu valor”.

Coñecedor da posta en órbita por parte de investigadores e alumnado da Universidade de Vigo do picosatélite XaTcobeo, Guiliano Berretta gaba esta iniciativa e incide na “necesaria cooperación que deben manter universidade e industria”. O presidente de honra de Eutelsat considera que o desenvolvemento dun picosatélite ten que ser un motivo de satisfacción para a Universidade de Vigo e que se a maiores “é quen de descubrir algo, o obxectivo está máis que cumprido”.

Internet e cine, tamén vía satélite

Cunha capacidade comercializada en 29 satélites que proporcionan cobertura a toda Europa, Oriente Medio, África e algunhas zonas de Asia e América, Eutelsat é o primeiro operador europeo e o terceiro do mundo para o subministro por satélite. Só no que se refire a número de canles de televisión emitidos a través da súa flota de satélites, segundo se reflicte no peche no exercicio correspondente ao ano 2011, estes superaban os 4000. Ata chegar ata aquí só transcorreron tres décadas nas que a dixitalización foi un factor determinante no medre da operadora, xa que ata 2000 canles incorporáronse nos últimos cinco anos. Á emisión de canles de televisión, os satélites do grupo suman unha ampla gama de servizos de telecomunicacións fixas e móbiles, redes corporativas e mercados de banda ancha para provedores de servizos de internet e para sectores de transporte marítimo e aéreo. Pero, cal é o segredo desta vertixinosa expansión? Berretta teno claro: “a innovación. Somos os máis innovadores e tecnolóxicos de todas as compañías do mundo. Hai que selo porque o número de frecuencias é o mesmo e a órbita xeoestacionaria tamén e hai que utilizala o mellor posible”.

A innovación á que fai referencia o presidente de honor de Eutelsat levou á compañía a apostar firmemente nos últimos tempos por dous sectores nos que o desenvolvemento tecnolóxico resulta determinante como son internet e o cine. En maio de 2011 entraba en servizo o satélite KA-SAT de alto rendemento, “que abre unha nova páxina de solucións IP accesibles e con dispoñibilidade inmediata e que sitúa a Europa na vangarda das tecnoloxías de alta capacidade que poden servir para pechar a fenda da banda ancha que existe en moitos territorios”, explica Berretta. Coa contribución da industria española, o sistema desenvolvido por Eutelsat é, segundo o presidente de honra da empresa “ o primeiro do mundo en eficacia na utilización da banda ancha de frecuencia”, banda ancha que no caso de Europa se confirma que non é tal para uns 13 millóns de fogares que seguen fóra do alcance do ADSL e outros 17 millóns que acceden a internet a velocidades inferiores a 2 Mbits/s.

En canto ao cine, Berretta afirma que finais de 2013 será a data de defunción do celuloide como soporte do cine que quedará circunscrito ao ámbito dixital. “As salas que non sexan dixitais desaparecerán”, asegura “e será un desastre social que se poderá evitar coa utilización dun sistema dixital con transmisión por satélite”, o denominado Digital Cinema Package (DCP), un sistema que permite difundir en tempo real o material audiovisual desde a sala de cine ás áreas de cobertura.

XaTcobeo, un exemplo de colaboración universidade-industria

Coñecedor da posta en órbita por parte de investigadores e alumnado da Universidade de Vigo do picosatélite XaTcobeo, Guiliano Berretta non dubida en gabar unha iniciativa que considera un exemplo da “necesaria cooperación que deben manter universidade e empresa”. Alén desta importante relación, o presidente de honor de Eutelsat considera proxectos destas características “moi necesarios para o desenvolvemento intelectual e tamén pola parte práctica que implican cara ao futuro profesional do alumnado”. Berretta afirma que o desenvolvemento dun picosatélite ten que ser un motivo de satisfacción para a Universidade de Vigo e que se a maiores “é quen de descubrir algo, o obxectivo está máis que cumprido”.