DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A taxa de ocupación acada o 83,5% e están distribuídos por 70 países 

Preto de 11.000 egresadas e egresados da Universidade de Vigo revelan os detalles da súa situación laboral

Nun estudo pioneiro en España de Luis Espada e Víctor Martínez 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/05/2018

A Universidade de Vigo convértese na primeira de España en elaborar un estudo sobre a situación laboral na que se atopan as e os egresadados saídos das súas aulas ao longo dos primeiros 25 anos da súa existencia. Estudo sobre a situación laboral das persoas tituladas pola Universidade de Vigo (1990-2015) é o titulo do volume elaborado polo ex reitor e responsable do Observatorio de Egresados, Luis Espada Recarey, xunto a Víctor Manuel Martínez Cacharrón, no que ao longo de máis de 720 paxinas debullan a situación profesional na que se atopan 10.748 persoas tituladas (58% mulleres e 42% homes) pola institución académica viguesa e que representan o 15% do total de 71.487 egresadas e egresados pola Universidade de Vigo no período 1990-2015. “Esta é unha historia da universidade a través dos ollos dos seus titulados, que nos proporcionan información sobre a formación recibida, o mercado laboral e empregabilidade, así como o seu grao de dispoñibilidade a colaborar e manter o contacto coa Universidade de Vigo”, explicou Luis Espada na presentación este mediodía do libro, nun acto no que tamén participaron o reitor en funcións, Salustiano Mato e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.

Mato agradeceu aos autores do volume o traballo desenvolvido, que comezou contactando a través de carta e correo electrónico cos máis de 71.000 tituladas e titulados, dos que 10.748 responderon ás cuestións que se lle formulaban en relación coa súa situación laboral. “Temos a obriga de dar unha formación de calidade e a información que nos achegan os egresados nos permitirá ter unha mellora continua”, asegurou o reitor en funcións, que cualificou o traballo de “tesouro ao que sacarlle partido”. Pola súa banda, o presidente do Consello Social, incidiu en que as e os egresados son unha prioridade estratéxica “para coñecer o valor da formación que recibiron”, ao tempo que agradeceu as miles de horas de traballo investidas na elaboración do estudo.

Perfil xurídico-social, feminino e onde Maxisterio é a titulación maioritaria

Maxisterio cun 8%, seguida por Enxeñaría Técnica Industrial cun 7%, Enxeñaría Industrial cun 6,3% e ADE cun 5,9% son, segundo o estudo de Espada e Martínez as titulacións con máis egresadas e egresados, mentres que o ámbito xurídico-social cun 45%, seguido co tecnolóxico cun 29% e arte e humanidades cun 11%, son os predominantes entre as preto de 11.000 persoas tituladas que participaron no informe. “Non obstante, ao longo do período avaliado produciuse un descenso do xurídico- social que pasou dun 58% ao 38%, así como unha subida do tecnolóxico do 18 ao 32%”, explicou Espada.

En canto á tipoloxía dos estudos cursados, a metade das e dos egresados realizaron titulacións de ciclo longo (48%), fronte ao 34% das de ciclo curto, aínda que coa entrada en vigor da reforma de Boloña constatouse unha diminución das titulacións de ciclo longo. Así mesmo, o estudo confirma que o 22% de tituladas e titulados completaron estudos adicionais, así como que un 45% posúe un mestrado e un 5% un doutoramento.

83,5 % de taxa de ocupación e un 75% de empregos relacionados cos estudos

Das preto de 11.000 persoas enquisadas, traballa o 83,5%, (88,1% homes e 80,2% de mulleres) rexistrándose a maior taxa nas enxeñarías superiores (93%) e enxeñarías técnicas (89%). En canto á situación laboral, o 74% traballa con conta allea, o 9% por conta propia, mentres que o 12% estaba na procura dun emprego e o 3% continuaba os seus estudos.

O estudo, que dá continuidade a un anterior no que se presentaba as características das e dos titulados no momento de concluír os seus estudos, confirma que Galicia é o principal lugar de traballo cun 76% das e dos egresados saídos das aulas da Universidade de Vigo entre os anos 1990 e 2015. Fóra de Galicia desenvolven a súa actividade profesional un 23,4%, un 13,3% noutras comunidades autónomas e un 10,1% en máis de 70 países, con especial presenza en Reino Unido (21%), Alemaña (14% e Portugal (9%). “Cómpre destacar que ao longo o período avaliado prodúcese un descenso constante da proporción de persoas tituladas pola Universidade de Vigo que traballan en Galicia, pasando co 86,5% no período 1990-1995, ao 70,5% no 2011-2015”, sinalou Espada, que tamén chamou a atención sobre o feito de que as persoas que traballan no estranxeiro pasou dun 3,7% entre 10990-1995 ao 16% no 2011-2015.

Das e dos egresados que participaron no estudo, un 75% afirma que o seu traballo está relacionado coas titulacións cursadas na Universidade de Vigo e un 70% asegura que realiza un traballo axeitado a súa cualificación, mentres que en relación coa categoría profesional, o 63% asegura realizar responsabilidades de técnicas e técnicos cualificados, un 20% son mandos intermedios e un 11% directivas e directivos. Polo que se refire ao tamaño das empresas nas que traballan, o 52,2% exerce a súa actividade en empresas de máis de 250 empregadas e empregados.

Críticas construtivas das e dos titulados 

As persoas que participaron no estudo tiveron ocasión de responder ademais a unha pregunta na que, de xeito aberto, puido engadir os comentarios que consideraron oportunos e na que as e os egresados optaron por reflexionar sobre cuestións como a docencia, a empregabilidade, o paro ou as políticas de I+D. “En xeral, as reflexións son positivas e con criticas construtivas”, explicou Luis Espada, que destacou, entre as opinións das persoas tituladas cuestións como que non existe moita relación entre o estudado e as necesidades do mercado laboral, sobre todo na procura do primeiro emprego; a falta de coñecementos en cuestións como o traballo en equipo ou o dominio do inglés.

Unha vez finalizada e elaboración deste estudo, o Observatorio de Egresados está a traballar na elaboración das fichas completas das preto de 11.000 persoas que participaron nel, co obxectivo de “empezar dunha vez un contacto que non existiu. É un cordón umbilical que non se pode romper nunca”, asegurou