DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas de portas abertas ás que acudiu alumnado de bacharelato de sete centros

Preto de 500 estudantes de toda Galicia coñecen o potencial e a singularidade dos graos do campus de Pontevedra

Divididos por itinerarios, visitaron as diferentes facultades e escolas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/04/2024

Chegados de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Redondela e Vilagarcía de Arousa, preto de 500 estudantes de bacharelato puideron este mércores coñecer de primeira man a oferta educativa da Universidade de Vigo, nas xornadas de portas abertas que leváronos a percorrer as aulas e laboratorios das diferentes facultades e escolas. Promovida pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, esta iniciativa buscaba dar a coñecer, nunha serie de visitas divididas por ámbitos de interese, as diferentes titulacións de grao que se imparten en Pontevedra e que se caracterizan tanto por ser estudos “moi demandados, cunha taxa de ocupación moi alta” como pola súa “singularidade”, como apuntou a vicerreitora Natalia Caparrini.

A actividade arrancou cunha recepción no Pazo da Cultura, na que Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, e Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra, deron a benvida aos 476 estudantes de primeiro e segundo de bacharelato inscritos nesta actividade . Aínda que se lles entregou información de todas as titulacións da UVigo, o propósito destas xornadas era que coñecesen “de primeira man” os graos do campus pontevedrés, “moitos deles únicos en Galicia”, como é o caso de Publicidade e Relacións Públicas, Belas Artes, Deseño e Dirección e Xestión Pública, lembrou Caparrini, quen lembrou tamén a vinculación de moitas delas coa creatividade, eixe do proxecto de especialización Campus Crea. De aí que Lantarón puxese o foco na súa intervención “na singularidade das titulacións deste campus, que esta ademais moi imbuído na cidade”, ao que se suma “o potencial desta Universidade en materia de docencia, investigación e transferencia”, referendado, por “ser unha das universidades públicas mellor posicionadas nos ránkings”. De aí que concluíse que “a UVigo sempre será unha opción” á hora de tomar unha “decisión moi importante, que vai condicionar o voso futuro”, como lembrou Caparrini aos e ás asistentes, para logo animalos tamén a coñecer todo o que a UVigo ofrece alén das aulas, como “actividades deportivas, culturais, asociacionismo, voluntariado ou o Centro de Linguas”. 

Cinco itinerarios

O instituto Castelao de Vigo, con 150 estudantes inscritos, foi o centro con maior representación nesta xornada, á que os IES de Sar, de Santiago, Sardiñeira, da Coruña, Universidade Laboral, de Ourense, e o Colexio Plurilingüe Miralba, de Vigo, achegaron 50 alumnos e alumnas. Tamén acudiron 45 estudantes do IES de Carril, de Vilagarcía de Arousa, e 35 do CPR Plurilingüe Colexio Vigo. A eles sumáronse outros 46 estudantes de diferentes países que, ao abeiro do programa Campus Spain, atópanse este curso estudando español na UVigo, co obxectivo de acadar a acreditación CertAcles e poder matricularse nun grao ou mestrado nunha universidade española.

Tras a recepción inicial, as e os participantes dividíronse en diferentes grupos para realizar unha serie de visitas segundo os itinerarios de interese que escolleran. O máis numeroso foi o artístico, que levou a 139 estudantes a coñecer as aulas e laboratorios das facultades de Belas Artes e Deseño, mentres que outros 130 participaron nos tres graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e Deporte (Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte). Outros 87 alumnos e alumnas optaron polo itinerario de ciencias sociais, que lles permitiu tanto coñecer algúns dos traballos, como curtametraxes, realizados por antigos estudantes da Facultade de Comunicación, como informarse, na Facultade de Dirección e Xestión Pública, tanto da modalidade presencial do seu grao, como da virtual, única no sistema universitario galego. Por outra banda, as aulas e laboratorios de Fisioterapia e da Escola Universitaria de Enfermaría foron o destino dos 75 estudantes que optaron por coñecer as titulacións do ámbito da saúde, mentres que 51 decantáronse polo itinerario tecnolóxico, asistindo a diferentes demostracións das investigacións que se levan a cabo na Escola de Enxeñaría Forestal, sede dun grao que, como lembraron as vicerreitoras, conta cunha “altísima demanda laboral e moitísimas saídas profesionais”. 

Mirar cara o futuro desde unha óptica “máis próxima”

Como unha iniciativa que permite obter información e orientación de cara unha futura decisión viron esta iniciativa parte das alumnas e alumnos participantes nestas xornadas. Ese foi o caso das estudantes do IES de Carril Alejandra Domínguez, Antonela Gándara e Sabela Falcón, que se decantaron polo itinerario de ciencias sociais e que destacan o “interesante de ver as cousas desde un ámbito máis próximo, que non é o mesmo ver que un programa”. Do mesmo xeito, estas visitas tamén resultaron positivas para aqueles e aquelas que xa teñen decidido que queren estudar, como é o caso da tamén alumna deste instituto Naroa Barreiro. “Teño claro desde hai anos que quero facer Educación Infantil e é moi positivo poder ver o centro e ter todo máis claro”, salienta.