DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores das universidades de Vigo e Navarra crearán unha aplicación para facelo

Como prever o impacto económico dun evento deportivo?

Será o desenvolvemento práctico da tese de licenciatura de Jesyca Mª Salgado

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 12/07/2012

A faciana económica dos eventos deportivos é cada día máis relevante. Sen embargo, os seus xestores atópanse en moitas ocasións coa dificultade de poder facer unha estimación previa do impacto económico que terá unha cita deste tipo e poder así tomar decisións antes da súa celebración que poidan mellorar os resultados. Para avanzar neste eido, o grupo de Xestión Empresarial do Deporte do campus de Ourense traballa coa Universidade Pública de Navarra no desenvolvemento dunha aplicación que permita ao goberno navarro estimar ex ante a repercusión da súa programación deportiva.

No proxecto participan por parte galega Ángel Barajas, director do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo; Patricio Sánchez, vicedecano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, e a investigadora Jesyca Mª Salgado. Pola parte Navarra, o coordinador é o docente Fernando Lera. “O obxectivo é facer, antes de rematar o ano, unha aplicación práctica para a Dirección Xeral de Deportes do goberno navarro que poidan empregar deste esta institución para a valoración económica previa dos eventos deportivos que organicen ou financien na comunidade foral”, explica Patricio Sánchez.

O desenvolvemento desta aplicación é froito da liña de traballo en xestión económica do deporte que veñen desenvolvendo no centro ourensán nos últimos anos e parte concretamente dunha tese de licenciatura da titulación de Administración e Dirección de Empresas realizada este curso por Jesyca Mª Salgado e dirixida por Ángel Barajas e Patricio Sánchez. “O valor da tesina de Jesyca Mª Salgado é que fai unha proposta de modelo de análise do impacto económico dunha cita deportiva ex ante, previamente á súa realización, e non posteriormente, que soe ser o máis habitual pero non o máis interesante desde o punto de vista económico”, apunta Ángel Barajas.

Un modelo sinxelo e aplicable a todas modalidades

Segundo explica Salgado, o proxecto xurdiu ao detectar na literatura desta área que non existía unha metodoloxía sinxela e única que puidese ser empregada polos xestores de actos deportivos que carecían de coñecementos especializados en metodoloxías de impacto. Para crear este modelo, o primeiro paso que deu a investigadora, tutelada por Barajas e Sánchez, foi establecer unha tipoloxía de eventos deportivos útil para a súa valoración en termos de económicos. Logo estableceu os factores de análise e o seu cálculo, identificando os elementos relevantes á hora de valorar a repercusión económica dun evento (como modalidade deportiva, cobertura xeográfica, número de participantes, etc.) e os axentes do impacto (entidades organizadoras, os asistentes e as entidades locais). Da identificación e cuantificación de todos estes elementos, xorde o beneficio directo e indirecto que un evento deportivo pode producir.

“A idea é desenvolver unha ferramenta sinxela que calquera xestor deportivo poida empregar para ter unha aproximación a priori do impacto económico dun evento e poder así tomar medidas para mellorar esa repercusión ou para decidir se ese investimento vale ou non a pena”, conclúe Jesyca Mª Salgado. Como primeiro achegamento, na súa tese de licenciatura, a investigadora aplicou o seu modelo ao caso concreto do Rally de Ourense. Agora, os investigadores das universidades de Vigo e Navarra traballan no perfeccionamento deste modelo e na súa tradución nunha ferramenta práctica.