DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un artigo afonda na participación feminina nas estruturas de poder desde unha perspectiva de xénero

O prezo familiar e persoal de ser unha alta directiva en Galicia

23 entrevistadas destacan a satisfacción co seu traballo a pesar das renuncias feitas no camiño

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 14/06/2012

Nas últimas décadas produciuse un importante avance a prol da igualdade de xénero, especialmente no ámbito político e institucional. Sen embargo, advirten os estudos feministas, a igualdade efectiva entre mulleres e homes está aínda moi lonxe de ser acadada e o mundo empresarial, e máis concretamente a súa dirección, é un sector aínda resistente a estes avances. Co obxectivo de coñecer a situación real das mulleres que ocupan postos de responsabilidade en empresas, un grupo de investigadoras do Seminario Interdiciplinar de Estudos de Xénero da Universidade de Vigo realizou unha investigación na que debullaron con 23 destas directivas a súa traxectoria empresarial e persoal.

O estudo, realizado por Purificación Mayobre, Carmen Benso, Carmen Pereira e Carmen Verde, coa colaboración de Irene Cecilia Álvarez e Ana Atrio, foi recollido no artigo Xénero e liderado empresarial: as elites profesionais femininas na comunidade autónoma de Galicia, do último número, o quinto, da publicación da Cátedra Novacaixagalicia de Estudos Feministas da Universidade de Vigo. A investigación trata de analizar a participación feminina nas estruturas de poder e de toma de decisión empresarial, tendo en conta que a incorporación das mulleres a postos directivos de alto nivel supón unha forte ruptura na tradicional idea da muller como figura familiar secundaria e xeradora dunha economía complementaria á do home.

“Desde hai décadas non existen obstáculos legais que lles impidan ás mulleres acceder aos cargos de dirección. Non obstante, a tradición, os modelos de referencia, os estereotipos, a cooptación e os rumbos fan que, consciente ou inconscientemente, se prefira aos homes sobre as mulleres en moitos procesos de selección e promoción, e se obstaculice na práctica a consecución da igualdade real”, apunta unha das súas autoras, Purificación Mayobre.

Moi boa formación

Da mostra escollida para realizar o estudo, as investigadoras salientan que se extrae un perfil representativo do que poderiamos chamar a elite empresarial feminina en Galicia. Ese perfil sería o dunha muller cunha media de 45 anos, que leva desempeñando postos de responsabilidade nos últimos 15 anos, que ten estudos universitarios (preto dun 70%) e incluso de posgrao e que está casada (60,86%) ou divorciada (21,73%). O maior número de empresarias concéntrase en sectores tradicionalmente feminizados, como o de comercio e servizos, entrando en sectores masculinizados só por cuestións familiares.

A meirande parte destas mulleres, máis dun 90%, sinte un grao de satisfacción alto ou moi alto co seu posto. O traballo “ben feito”, acadar as súas metas profesionais e persoais e relacionarse con outras persoas, ben sexan clientes ou empregados, son os principais motivos desta satisfacción laboral. “O escrutinio é moito máis forte no caso dunha empresaria que no dun home en igualdade de posto, polo que as mulleres parecen esixirse máis, tanto a través da formación como do esforzo”, destaca Purificación Mayobre. O 65,21% das entrevistadas afirma que non existe nin existiu ao longo da súa traxectoria profesional ningunha barreira de xénero. Sen embargo, o 78% considera que o papel da muller no ámbito directivo empresarial galego é insuficiente ou moi insuficiente e o 47,82% está en contra de levar a cabo accións de discriminación positiva neste eido.

A conciliación familiar e persoal e a existencia da “dobre xornada”, o traballo na casa é fóra dela, son os principais problemas das directivas, especialmente se teñen nenos ou nenas. Neste senso, recoñecen as súas renuncias en aspectos como a estabilidade familiar, ter máis fillos ou fillas, gozar de máis tempo libre, desenvolver unha carreira profesional no estranxeiro ou dedicar máis tempo á familia. “O abandono máis sentido é o de non poder dispoñer de máis tempo libre e unha maior calidade de vida individual e familiar”, explica Mayobre.