DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 17ª Miteu celebrarase do 13 ao 28 de abril en diferentes escenarios da cidade de Ourense

Unha primavera máis florece o mellor teatro universitario

Nesta cita de referencia cultural participarán 29 compañías de once países diferentes

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 30/03/2012

Cada primavera a cita de referencia na axenda cultural de Ourense e do teatro universitario galego é a Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. A pesar da crise, un ano máis volve a levantar o seu pano co obxectivo de traer aos escenarios da cidade o mellor teatro universitario, e tamén profesional, galego, estatal e internacional. Será do 13 ao 28 de abril, coa participación de 29 compañías e outros tantos espectáculos procedentes de once países diferentes. Como cada edición, a Universidade de Vigo será tamén escenario e protagonista desta iniciativa. O campus de Ourense abrirá as súas portas para acoller varias representacións, obradoiros e unha exposición. Ademais, as aulas de teatro de Vigo e Ourense, coa participación dos grupos Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Geppetto, actuarán para o público que se achegue a gozar da intensa programación cultural da Miteu.

A 17ª Miteu foi presentada este venres por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Isabel Pérez, concelleira de Cultura de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; e Fernando Dacosta, director da mostra. “A Miteu chega a Ourense como cada primavera para traernos o mellor teatro universitario complementado con outras actividades”, salientou Isabel Pérez durante o acto. “A pesar de ser tempos de crise, mantemos o noso compromiso para que a cultura, e neste caso o teatro, siga tendo o seu espazo e para que Ourense se volva a converter unha vez máis no epicentro do teatro universitario”, destacou María Lameiras. Unha satisfacción compartida por Olga Mojón, que fixo fincapé na colaboración entre institucións que permite cada ano celebrar esta festa da cultura.

A Universidade de Vigo, tamén protagonista

Segundo salientou Fernando Dacosta, a edición deste ano da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense contará con 29 espectáculos teatrais a cargo doutras tantas compañías, tres exposicións, dous obradoiros e a proxección de tres documentais. Será a Miteu máis internacional, con representantes de once países e numerosas comunidades autónomas. A programación arrancará o día 13 con dous dos grupos da Aula de Teatro Universitaria de Ourense. Rosaura representará Enredados nas rúas da cidade e Cordelia estreará Escenas de Otelo no Teatro Principal. Maricastaña actuará o día 28 coa obra Un novo mundo feliz e a Aula de Teatro Infantil de Ourense Geppetto fará o propio o día 15 coa peza O manuscrito. Nesta programación cultural, a Aula Universitaria de Vigo representará Dentro do labirinto no Teatro Principal o día 23 de abril.

O campus de Ourense acollerá tamén a proxección dos documentais Médicos sen Fronteiras (Un)Limited e Onde as rúas non teñen nome. Teatro universitario de Ourense a Casabranca, que recolle a viaxe feita o ano pasado pola Aula de Teatro Universitaria de Ourense a Marrocos para participar no Festival Internacional de Teatro de Casabranca. Nas salas universitarias tamén se desenvolverán dous obradoiros de investigación teatral e creación e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acollerá unha exposición dos 40 anos de traballo de Médicos sen Fronteiras.

Esforzo en tempos de crise

O humor, a participación de profesionais como Leo Bassi, e o compromiso con diferentes causas son algúns dos aspectos destacados desta nova edición da Miteu. Fernando Dacosta tamén salientou a importancia desta programación tendo en conta os recortes en cultura derivados da crise. Neste senso quixo agradecer o esforzo das entidades patrocinadoras e das compañías, que en moitos casos reduciron as súas tarifas para poder acudir a Ourense. Tamén amosou a súa preocupación porque a achega económica procedente de Agadic non está garantida nesta edición, xa que este ano a entidade realizou unha convocatoria competitiva entre os festivais galegos para o seu financiamento e ata xuño a Miteu non coñecerá a súa resolución, tendo que a organización da mostra adiantar o diñeiro sen saber se finalmente obterá a axuda de Agadic.