DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá este evento entre os días 20 e o 22 deste mes

A primeira edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia reunirá arredor de 240 asistentes

Presentaranse 80 comunicacións e haberá seis obradoiros prácticos complementarios

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 08/03/2024

A primeira edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT-2024_UVigo_T&P, vai camiño de converterse nun éxito e, a dúas semanas da súa celebración, a organización ten xa confirmados arredor de 240 participantes. A cita, que terá lugar entre os días 20 e 22 deste mes, tanto en modalidade presencial na Facultade de Filoloxía e Tradución como en formato virtual, ten como finalidade promover o diálogo entre o uso das linguas e das novas tecnoloxías dixitais con achegas e debates científicos nas cinco linguas do congreso: español, galego, francés, inglés e portugués. 

Os profesores Óscar Ferreiro, José Yuste, Emmanuel Bourgoin e Ramón Méndez, membros do Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P), son os encargados da organización deste evento, e amósanse “moi satisfeitos” pola  acollida e pola participación, “que está a ter un éxito notable a nivel internacional”. De feito, contan con persoas inscritas de todo o estado Español e doutros 15 países, como Italia, Francia, Alemaña, Marrocos, Arabia Saudí, Rusia, Portugal, China, Xapón, Nixeria ou EEUU, entre outros. En total, presentaranse 80 comunicacións, cun total de 101 relatores, ao que hai que sumar tres conferenciantes plenarios, arredor de 110 asistentes e 28 participantes nos seis obradoiros complementarios ao congreso.

O primeiro dunha serie de eventos científicos sobre a tradución interlinguas

Este será o primeiro evento científico dunha serie que, ao longo dos próximos anos, estudarán as circunstancias sociais, culturais, políticas e, sobre todo, tecnolóxicas que afectan á tradución entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia, tanto en pantalla como fóra dela, dende a perspectiva teórica, didáctica e profesional da paratradución.

O simposio, no que tamén colabora o Grupo de investigación Tradución y Discurso Especializado (Tradies) da Universidad de Córdoba, artéllase arredor de tres eixos temáticos: a tradución e interpretación na era dixital; a pedagoxía e didáctica dixitais das linguas; e as intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas.  

Ademais dos 80 relatorios relacionados con estes eixos temáticos, ParatradIT-2024_UVigo_T&P tamén comprenderá tres conferencias plenarias. A primeira delas, La paratraducción de los márgenes del texto en la recepción en España de las obras decimonónicas francesas, será impartida por Manuela Álvarez Jurado, da Universidad de Córdoba. A segunda, Faire sens à un niveau global à partir de références culturellement localisées: exemples de quelques défis de la traduction des jeux vidéo, correrá a cargo de Sébastien Genvo, da Université de Lorraine; e, finalmente, AI in Translation: A critical approach to translator training and professional ethics, será ofrecida por José Ramón Calvo Ferrer e José Ramón Belda Medina, da Universitat d’Alacant.

Seis obradoiros prácticos

Paralelamente á vertente científica do congreso, o comité organizador tamén apostou por actividades complementarias de carácter divulgativo, como unha serie de obradoiros prácticos nos que poderán participar as e os asistentes. A tradutora, editora e docente Patricia Buján impartirá un sobre tradución editorial, que permitirá coñecer o proceso dende que se recibe unha proposta de tradución ata que esta sae á venda en forma de libro. Marc Bernabé, tradutor e intérprete do xaponés, será o encargado dun taller sobre tradución e adaptación de manga, mentres que Iago Álvarez, tradutor, revisor e tester lingüístico de videoxogos, ofrecerá un obradoiro sobre os conceptos básicos da localización de videoxogos. As persoas interesadas en introducirse na actividade investigadora e coñecer os primeiros pasos a dar neste eido, poderán asistir a unha sesión que ofrecerá Alba Quintairos, docente de Tradución e Interpretación e técnica de apoio á I+D na UVigo. Pola súa banda, o tradutor Fernando Moreiras impartirá un taller sobre fiscalidade e protección social para tradutores, no que se analizará a relación económica que se establece entre unha persoa que exerce a tradución de forma profesional e as distintas administracións do Estado. Finalmente, Alfredo López, tradutor, lingüista computacional e experto en UX/UI no eido das tecnoloxías da voz e a IA conversacional, impartirá un taller creativo sobre tradución de xogos de mesa.

Ademais dos obradoiros, tamén está prevista unha saída de estudo pola cidade de Vigo que, baixo o título Vigo, limiar da alteridade, percorrerá o Ensanche, a Estación Marítima e o Casco Vello da man de Anxo Fernández Ocampo, membro do grupo de investigación T&P e director do arquivo ICOTI sobre Iconografía Contemporánea da Tradución e da Interpretación. A finalidade esta actividade é “abordar dende a noción de paratradución a conexión de Vigo coa economía mundial nos séculos XIX e XX e desvelar as estruturas de negociación da alteridade que peneiran o fluxo e refluxo de migrantes dende as instalacións portuarias ata o contraforte do Casco Vello”, como destacan os organizadores.