DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado do curso ponte remata o Grao de Enxeñaría Informática

As primeiras promocións volven á ESEI para ser tamén os seus primeiros graduados

Entre a vintena de matriculados estaban numeros antigos alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Info

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 18/06/2012
Patricia Grueiro, Marta Fernández, Rafael Veiga e Manuel Conde teñen en común que son titulados en Enxeñería Técnica en Informática de Xestión das primeiras promocións da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Comparten ademais o feito de que este curso volveron, xunto a outras 15 persoas, a estudar na ESEI para ser os primeiros en obter o Grao de Enxeñaría Informática do centro. Todos eles traballan pero atoparon un oco para entrar de novo nas aulas da Universidade de Vigo a actualizar coñecementos e currículo e para achegar eles mesmos a esta institución o que levan aprendido nestes anos de desenvolvemento profesional.

Os catro alumnos foron os primeiros en presentar con éxito o venres os seus traballos fin de grao do curso ponte que dá acceso, nun só ano, ao título de graduado en Enxeñaría Informática, estudos xa homologados no EEES. “Este curso ponte foi un grande acerto. Cubrimos todas as prazas, o aproveitamento por parte do alumnado foi moi bo e sobre todo conseguimos fidelizar aos antigos alumnos da escola, ofrecéndolles a posibilidade de volver a ela para actualizar coñecementos e para ampliar a súa titulación. Aínda que para o sector profesional seguen sendo enxeñeiros informáticos agora teñen tamén un título homologado no EEES, que ten un recoñecemento e visibilidade maior”, salienta Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

Tres proxectos educativos e un empresarial

Dos catro traballos presentados, tres estaban vinculados co eido educativo porque os estudantes que os realizaron son xa docentes de Ciclos Formativos de Grao Superior en diversos institutos galegos. Deste xeito, Patricia Grueiro presentou unha programación didáctica para o módulo profesional Sistemas de Xestión Empresarial e Marta Fernández realizou como traballo de fin de grao o desenvolvemento da programación didáctica do módulo Administración de Sistemas Xestores de Bases de Datos. Pola súa banda, Rafael Veiga presentou un proxecto de control de asistencia en centros educativos. Nel deseñou unha aplicación web para levar o control de presenza e asistencia do profesorado, alumnado e outros colectivos educativos empregando tarxetas ou chaveiros de identificación por radiofrecuencia e lectores RFID, instalados en plataformas Arduino con conexión a Internet.

Por último, e xa fóra do eido educativo, Manuel Conde, director de Informática de ALERT, amosou a aplicación web de xestión interna de proxectos da súa empresa, dedicada exclusivamente ao sector sanitario, a crear ferramentas de deseño propio que xestionan parte ou todo un centro hospitalario. “Esta ferramenta informática permite facer un seguimento de cada proxecto, dispoñendo de toda a información vinculada a eles, como persoas asignadas, datas importantes, erros, etc.”, explica o autor.

“Todo os traballos fin de grao foron moi bos. Como son estudantes que xa fixeron no seu momento o traballo de fin de carreira para ser titulados viñan con esa idea na cabeza e aínda que o proxecto fin de grao é menor, presentaron propostas excelentes”, apunta Enrique Barreiro. Un éxito para o centro e para os propios alumnos que o director da ESEI agarda se repita na vindeira edición do curso ponte, cuxo prazo de matriculación xa está aberto e que de novo volve a ofrecer 20 prazas. “Unha moi boa oportunidade que recomendamos a todos os antigos alumnos do centro para achegarse de novo ao mundo académico e refrescar ou ampliar coñecementos”, apunta Barreiro.