DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Meana continúa como decano en funcións, á espera da decisión que adopte o reitor

O proceso electoral en Belas Artes péchase sen candidaturas

Tampouco houbo aspirantes a dirixir o centro no proceso aberto o pasado mes de febreiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 03/12/2014

Como xa acontecera no proceso electoral aberto en Belas Artes o pasado mes de febreiro, finalmente o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado tampouco votará o 16 de decembro ao seu novo decano ou decana, posto que o prazo para a presentación de candidaturas para este cargo vén de rematar sen que ninguén se postulase para situarse á fronte da dirección do centro. Á espera da decisión que se adopte desde a Reitoría tralo peche oficial do procedemento electoral a vindeira semana, Juan Carlos Meana continua á fronte da facultade como decano en funcións.

Despois de que tampouco se celebraran as eleccións convocadas para o 25 de marzo, Meana recibiu a encomenda do reitor, Salustiano Mato, de continuar como decano en funcións ata a convocatoria duns novos comicios. Para dar cumprimento a este último punto, o pasado 14 de novembro constituíuse a xunta electoral que se situou á fronte desa nova convocatoria, que entre o 25 de novembro e este martes 2 de decembro mantivo aberto o período de presentación de candidaturas. Rematado este prazo sen aspirantes, este mércores procedeuse á publicación provisional das candidaturas, neste caso ningunha, para abrir a continuación un período de reclamacións previo á súa publicación definitiva, coa que se dará por pechado este proceso o vindeiro martes 9.

Aínda que xa exercía en funcións desde xuño de 2010, tralo nomeamento do profesor Ignacio Barcia como vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Meana foi elixido decano en febreiro de 2011, nunha votación na que recibiu 38 votos a favor, dous en contra e un en branco. Desde entón, este profesor do Departamento de Pintura mantívose á fronte dun equipo directivo que completan Paloma Cabello, como responsable de Asuntos Académicos; Fernando Suárez, como vicedecano de Calidade; Sivlia García, como vicedecana de Cultura e Relacións Instituiconais, e Ana María Suárez como secretaria.

A Xunta de Facultade renóvase tamén sen votacións

De xeito paralelo, Belas Artes abriu tamén en novembro o proceso de elección dos representantes do alumnado, PAS e profesorado con vinculación non permanente na Xunta de Facultade, un proceso no que tampouco será preciso votar, posto que en ningún dos casos o número de aspirantes superaba ao total de prazas reservadas neste órgano colexiado para estes colectivos. Deste xeito, veñen de ser proclamados membros electos da xunta o profesor Fernando Suárez e os alumnos Montserrat Martínez, Olivia Oltmanss, Andrea Paz, Pilar Picas, Dimitri Pino e Eva Quinteiro, así como os representantes do PAS Eduardo Calzado, Javier Fernández, Lucrecia López, María del Pilar Lores, María José Novoa, Andrés Pinal, Ana Celia Rodríguez, Ana María Suárez e Maximino Villaverde.

Preto de 650 alumnos e alumnas cursan estudos no presente ano académico 2014/2015 nesta facultade do campus pontevedrés, onde ademais do grao en Belas Artes, impártense os mestrados en Arte Contemporánea Creación e Investigación e en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Así mesmo, o centro acolle tamén os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), unha titulación propia da Universidade.