DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O venres pechouse o prazo para optar a ocupar este posto

O proceso de presentación de candidaturas á dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática queda deserto

Será o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen terá que nomear un director para o cent

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/06/2012

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense está inmersa no proceso de elección dunha nova dirección, xa que o actual equipo directivo do centro finaliza o seu período de mandato. O venres, día 1 de xuño, rematou o prazo para a presentación de candidaturas e finalmente non se presentou ningunha proposta para concorrer ás eleccións que estaba previsto que se celebrasen o día 11 de xuño de 2012.

Seguindo o procedemento previsto nos Estatutos da Universidade de Vigo e na Normativa para a Elección de Decanos e Directores de Centro, este luns realizouse a proclamación provisional da lista de candidaturas, que pasará a ser definitiva o xoves día 7, unha vez rematado o prazo estipulado para a presentación de posibles reclamacións. Ao non presentarse ningunha candidatura, explica Enrique Barreiro, actual director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, abrirase a partir do xoves un período no que será o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a persoa encargada de nomear a un director en funcións para a dirección do centro.

Actual equipo

O equipo que resulte elixido nese procedemento será a encargado de dirixir a Escola Superior de Enxeñaría Informática, que desde o curso 1991/1992, é o centro da Universidade de Vigo que ten a responsabilidade de impartir os ensinos universitarios relacionadas co ámbito da enxeñaría informática na súa sede no Edificio Politécnico do campus de Ourense.

Actualmente, o equipo directivo da Escola Superior de Enxeñaría Informática está encabezado polo seu director, Enrique Barreiro, responsable último do funcionamento do centro e encargado de aplicar os acordos dos órganos colexiados, executar o orzamento e representar á Escola tanto dentro da Universidade como ante as institucións e a sociedade en xeral. Completan o seu equipo María José Lado, subdirectora de Organización Académica; Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas; Eva Lorenzo, subdirectora de Calidade e Adaptación ao EEES, e Alma María Gómez, secretaria do centro.