DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición dos proxectos finais do Máster en Arte Contemporánea, inaugurada este venres

Na procura dunha creación artística transversal

A mostra reúne o talento de 20 artistas novos que expoñen por primeira vez no Sexto Edificio do Muse

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 08/06/2012

Enriquecerse doutras disciplinas. Esta é a fórmula que puxo en marcha neste curso 2011-2012 o Máster en Arte Contemporánea, Creación e Investigación co obxectivo de adaptar a súa metodoloxía ás esixencias do EEES e que culmina coa exposición Eso sigue su curso, na que se presentan os proxectos finais dos estudantes que durante este ano cursaron esta formación. Inaugurada este venres no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, esta mostra de corte académico é o resultado “dunha transversalidade da arte que responde a unha realidade cada vez máis complexa”, explicou Juan Carlos Mena, decano da Facultade de Belas Artes.

Como explicou o propio Meana, esta segunda edición do mestrado responde “ao que son os novos estudos na realidade social”, polo que engadiu que as facultades non se deben nutrir soamente do alumnado do seu propio ámbito de coñecemento. “Nós demos cabida a estudantes con formación en historia da arte, en arquitectura ou en comunicación”, apuntou, unha multiculturalidade na que os alumnos e alumnas senten a necesidade de seguir ampliando o seu saber, “experimentando unha nova realidade que abra un novo abano de posibilidades con resposta ás novas complexidades”.

Acompañado pola vicerreitora de campus, Antonia Blanco, polo vicerreitor de Transferencia de Coñecemento, José Antonio Vilán, e polo vicerreitor de Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, Juan Carlos Meana lembrou a necesidade de que a facultade “abra as súas portas” para intercambiar experiencias e coñecementos co contexto cultural da cidade “e para dar resposta ás necesidades simbólicas que demanda a sociedade, a gran pregunta que está sempre nas nosas cabezas”.

O resultado dun ano de traballo

A exposición, comisariada polos profesores Almudena Fernández Fariña, Silvia García, polo decano e polo vicerreitor Ignacio Barcia, inclúe unha selección de obras resultado dun ano de traballo dos alumnos e alumnas María Arias, Nelson Manuel Bardón, Olalla Barroso, Ángel Calvo, Antía Cea, Lois Costas, María Fernández, Begoña García-Alén, Natalia Desirée García, Sara Goberna, Fernando Lafuente, Andrés Magán, José Navas, Teresa Pece, Rocío Piñeiro, Bibiana Piñeiro, M. Martín Rivas, Cillas Rodríguez, Arkaitz Rodríguez e Alejandra Sampedro, 20 estilos con intereses e sensibilidades diferentes. Así a mostra inclúe unha gran variedade de obras, que van dende o debuxo ata a pintura, pasando pola fotografía, escultura, estruturas creadas con diferentes materiais e outras apostas artísticas, como o bordado, o cómic ou o uso do lapis sobre a propia parede do espazo expositivo. Chamaron especialmente a atención do público a obra de Rocío Piñeiro, caixas de madeira “con vida dentro”, a do arquitecto Fernando Lafuente, unha montaxe en contrachapado chea de colorido ou a de Arkaitz Rodríguez, que pintou a man centos de retratos diferentes en post-its.

Desta volta foi a Deputación de Pontevedra que lle abriu ás portas do Sexto Edificio do Museo provincial ao talento do alumnado do centro, dándolle a oportunidade “de poder expor as súas obras nun centro de gran prestixio ao que só adoitan ter acceso artistas xa consolidados”, declarou durante a inauguración a deputada Ana Isabel Vázquez. A administración provincial mantiña xa unha colaboración continua coa facultade, pero é a primeira vez que as obras dos alumnos e alumnas do centro protagonizan unha exposición no museo, que se poderá visitar ata o 1 de xullo en horario de mañá e de tarde.