DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade, á vangarda da xustiza terapéutica coa celebración do I Congreso Iberoamericano nesta

Na procura dunha lexislación “máis xusta e humana”

Na súa inauguración o reitor brindou todo o seu apoio a unha iniciativa que busca o benestar da soci

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 03/10/2012

A Universidade de Vigo volve amosar o seu compromiso coa sociedade ao colaborar na procura e consolidación dunha lexislación “que sexa plenamente rehabilitadora”. Este mércores botou a andar en Pontevedra a primeira edición do Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica, presidido polas catedráticas da Universidade Francisca Fariña e Esther González Pillado, un encontro pioneiro en España que reúne a preto de 100 expertos da psicoloxía e da lei co obxectivo de desenvolver alternativas sociais ás resolucións xudiciais. O acto inaugural estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que salientou a necesidade de contribuír á implantación de medidas “que sexan positivas para a vida emocional e para o benestar psicolóxico dos usuarios da xustiza, acadando unha lexislación cun perfil máis xusto e humano”.

O reitor amosou todo o seu apoio a esta corrente de investigación e a satisfacción de que a de Vigo se converta nunha institución de referencia internacional ao acoller este encontro e “ao converterse na sede oficial da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica”, tamén presidida polas profesoras Fariña e González Pillado, as que aproveitaron a inauguración para agradecer a colaboración das institucións e das administracións, “que están a apostar por unha xustiza máis humana, máis reparadora e resocializadora”. González Pillado tamén fixo alusión a outras iniciativas que se están a levar a cabo dende a Universidade para implantar esta dinámica na sociedade, como o recentemente aprobado Servizo de Mediación Familiar en Vigo, o Centro interuniversitario de investigación e transferencia de psicoloxía e lei “ou a posta en marcha do programa de doutoramento de Xestión e resolución de conflitos, inspirado en programas de xustiza terapéutica”.

Alternativas ao proceso xudicial

O reitor da Universidade e as organizadoras do congreso estiveron acompañadas na inauguración polo director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín; polo vicepresidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, Fernando de Rosa Torner; polo alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e pola deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez. Todos os representantes da administración coincidiron en que a xustiza terapéutica “forma parte da axenda institucional do país” ademais de ser unha alternativa “efectiva e de futuro” ao sobresaturado proceso xudicial actual. “En España cada ano entran nos nosos xulgados máis de nove millóns e medio de asuntos o que fai que esteamos nunha situación totalmente insostible”, declarou de Rosa Torner, de aí que o Consello Xeral do Poder Xudicial apoie este tipo de iniciativas que achegan solucións paralelas á xudiacilización e novos camiños para o futuro da administración da xustiza. “Os xuíces debemos ser abandeirados absolutos destas novas medidas que veñen da man da cidadanía, reservando para os tribunais aquilo que a sociedade non é quen de resolver por si mesma”, engadiu o seu vicepresidente.

Unha disciplina cada vez máis internacional

O pai da xustiza terapéutica e director do Internacional Network on Therapeutic Jurisprudence, David Wexler, foi o encargado de inaugurar as xornadas cunha breve introdución do que el entende por xustiza terapéutica. “Non é máis que un sistema para humanizar a lei, que suaviza conflitos, incorporando teorías doutras ciencias, como a psicoloxía, criminoloxía ou traballo social”, resumiu o experto que ademais fixo alusión á globalización da disciplina, pois tras nacer en Estados Unidos e estenderse primeiro polos países de fala anglosaxona, agora xa conta con traducións a máis de 10 idiomas, como o curdo, “entrando ademais con forza nos países hispanos nos que se deron experiencias prácticas moi boas, como en América Latina, España ou Portugal”.

Dende este mércores ata o venres 5 de outubro, os preto de 100 asistentes procedentes de toda Iberoamérica, especialmente de Colombia, Chile, México, Arxentina, Perú, Brasil e Porto Rico, coñecerán os principais avances na materia a través de dez conferencias e mesas redondas. Ademais da intervención de Wexler, ao longo das xornadas tamén participarán representantes do Consello Xeral do Poder Xudicial; o secretario xeral da Conferencia de Ministros de Xustiza dos Países Iberoamericanos; a presidenta da Corte de Arbitraxe e Mediación de Valencia e o presidente da Asociación Española de Avogados de Familia, AEAFA, entre outros.