DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de dous días de traballo en Ourense, remata a Conferencia RedOtri 2011

De profesión, técnico de transferencia do coñecemento

A cita congregou a máis dun cento de técnicos das Oficinas de I+D de centros españois

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 03/06/2011
Son técnicos de transferencia do coñecemento. Traballan nas OTRIs, nas Oficinas de I+D de universidades e outros entes, valorizando a investigación e poñéndoa en contacto co sector privado para a súa aplicación no mercado. En 2010, as aproximadamente 65 universidades españolas que forman a RedOtri tiveron un volume de contratación co sector privado de arredor de 600 millóns de euros e viron nacer 133 empresas. Nestas cifras os máis de 500 técnicos de transferencia destas institucións xogan un papel moi importante. Este xoves e venres, arredor dun cento deles participaron en Ourense na Conferencia RedOtri 2011 afondando na súa profesión e no traballo que realizan.

Ángeles López, coordinadora da RedOtri e responsable da OTRI da Universidade de Vigo, destacou no peche das xornadas a súa satisfacción polo desenvolvemento da iniciativa, organizada pola Universidade de Vigo e a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas CRUE co patrocinio da Fundación Barrié de la Maza e a Tecnopole. “A valoración é enormemente positiva, polas achegas dos relatores, polo desenvolvemento dos obradoiros e pola participación e apoio institucional, sendo un privilexio que Felipe Pétriz, secretario de Estado de Investigación, nos presentase a Lei de Ciencia o día que se publicaba no BOE”, explicou.

A Conferencia RedOtri, cita anual dos técnicos de transferencia estatais, estivo especialmente centrada no perfil destes profesionais, que desde que foron creadas as OTRIS a finais dos anos oitenta foron collendo protagonismo e definindo paulatinamente o seu papel e características. Neste senso, Ángeles López quixo destacar o frutífero que foi o panel de expertos internacionais, que expuxeron os sistemas de acreditación que existen noutros países para os técnicos de transferencia, uns de corte privado e outros apoiados pola Comisión Europea. “Polo momento estes sistemas teñen difícil encaixe no caso de España, onde nas oposicións públicas non se valora a acreditación, pero é necesario ir reflexionando sobre este tema”, apuntou.

Código profesional e retorno

Durante as xornadas tamén se afondaron en cuestións que afectan ao traballo deste persoal, como é a posibilidade de crear un código profesional en transferencia de coñecemento. Fernando Conesa, da Universidade Politécnica de Valencia, presentou unha proposta de borrador de código para o seu debate que inclúe aspectos como a confindencialidade da información, o uso da protección do coñecemento e a busca de tratos xustos para todas as partes implicadas na transferencia de coñecemento.

Para ofrecer unha perspectiva desde o eido privado, Javier López, director xeral da Fundación Barrié, explicou aos presentes o fondo de investimento en ciencia da súa entidade, un fondo destinado a proxectos de I+D que nacen no sistema galego de I+D+i. López salientou que “temos que facer un esforzo no proceso de valorización da investigación pois estamos lonxe do desexable”. Na súa opinión, coa calidade e cantidade de produción científica que hai se debería estar xerando moito máis retorno económico.