DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos encontros dun proxecto financiado pola FECYT e dirixido a espertar vocacións neste eido

Profesionais da investigación matemática “inspiran” a estudantes de 16 colexios de Vigo e Pontevedra

Coñeceron tamén a traxectoria de figuras como Ada Lovelace ou Dorothy Vaughan

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 31/01/2024

Espertar “vocacións matemáticas” nos nenos e nenas de primaria é un dos obxectivos centrais do proxecto de divulgación Te lo cuentan las matemáticas, que o grupo de innovación docente MaReMa desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación. Co obxectivo de rebater estereotipos asociados a matemáticos e matemáticas, entre as actividades deste proxecto atópanse os Encontros inspiradores, nos que poden coñecer os inicios e traxectoria de novos investigadores e investigadoras, así como as achegas realizadas ao longo da historia por diferentes mulleres matemáticas.

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu na mañá deste martes os primeiros encontros dun proxecto que conta este curso coa participación de máis de 800 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria de 16 colexios de Vigo e Pontevedra. Tras participar previamente nos seus centros nunha serie de talleres centrados nas aplicacións das matemáticas nos ámbitos da criptografia e os códigos, o bloque de actividades correspondente ao primeiro trimestre pechábase nesta xornada cuns coloquios co profesor da UVigo Xabier García e a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Pilar Páez. Como explica a coordinadora deste proxecto, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Pérez, estes encontros permiten afondar tamén nas traxectorias “de matemáticas de éxito”, como foron neste caso Ada Lovelace, Agnes Meyer Discroll e Dorothy Vaughan, “que se relacionan á súa vez cos contidos dos talleres". No primeiro dos encontros participou de xeito presencial o alumnado dos colexios vigueses Javier Sensat e Alfonso Rodríguez Castelao e no segundo estudantes dos CEIP Carballal e Valle-Inclán, mentres que o resto dos centros participantes sumáronse ao encontro a través de UVigoTV. 

Talleres, encontros e formación para profesorado

Promovido coa colaboración do Consello Social e a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, así como dos CFR de Pontevedra e Vigo, Te lo cuentan las matemáticas ten como obxectivo complementar a ensinanza desta materia "desde un punto de vista científico, tecnolóxico, transversal, funcional, histórico e de xénero”, como sinala a súa responsable. No marco do proxecto, desenvólvense ao longo do curso tres bloques de talleres, un manipulativo e outro tecnolóxico, que cada trimestre, impartidos nos diferentes centros por alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte. Os próximos, centrados na astronomía e nos movementos xeométricos na arte desenvolveranse no mes de marzo e veranse complementados por novos Encontros inspiradores, aos que, como explica Pérez, o proxecto financia a asistencia presencial do alumnado de dous dos colexios participantes, seleccionados por sorteo.

Xunto aos asistentes nesta xornada, no proxecto participan tamén os CEIP vigueses Virxe do Rocío, García Barbón, Chans-Bembrive, Mestres Goldar, Pintor Laxeiro, Emilia Pardo Bazán, Paraixal, Illas Cíes e Otero Pedrayo e os colexios pontevedreses de Santo André de Xeve, San Martiño e Ponte Sampaio.

Por outra banda, entre as actividades do proxecto figuran tamén cursos de formación para o profesorado en activo, como o levado a cabo recentemente o CFR de Vigo e ao que se sumará en marzo outro no CFR de Pontevedra, no que, como explica Pérez, afondarase tanto nos tres bloques temáticos deseñados para alumnado de quinto como nos tres elaborados para sexto curso.